DESENCADRES. STAN BRAKHAGE, NATHANIEL DORSKY E PETER HUTTON
Do 13 de novembro de 2014 ao 14 de novembro de 2014
As últimas sesións de Desencadres deste ano presentan obras de vellos coñecidos do CGAI. Por un lado, Peter Hutton e Nathaniel Dorsky cunha sesión que, como tal, se presentou en diversos festivais en 2013 (Toronto, New York, Gijón). Polo outro, o conxunto de obras de Stan Brakhage coñecido como Vancouver Islands Quartet, realizado ao longo da última década da súa vida.
Logo da retrospectiva que se lle dedicou no CGAI en 2010 en colaboración con Documenta, Peter Hutton volta coa súa película máis recente Three Landscapes, nova meditación paisaxística en tres escenarios ben diferenciados: unha área industrial de Detroit, o val do río Hudson e un volcán en Etiopía. Dorsky regresa coas súas dúas películas de 2013, Song e Spring, nesa liña tan característica que o converteu nun dos referentes indiscutibles da vangarda internacional. Ao longo deste último ano, Dorsky completou catro novas películas que esperamos poder programar a comezos de 2015.
A proxección das catro películas do ciclo Vancouver Islands de Stan Brakhage parte dunha suxestión da revista Lumière, algún de cuxos colaboradores presentará as dúas sesións en que se repartiron estes títulos rodados ou culminados entre 1991 e 2002, pouco antes da súa morte. Durante todo este ano o CGAI presentou distintas sesións cunha mostra representativa da inxente obra de Brakhage. A primeira sesión comprendía algúns dos seus traballos dos anos cincuenta. Con Vancouver Islands centrámonos, por fin, na última etapa da súa carreira. O vindeiro ano habemos propor outro percorrido alternativo pola súa obra.
“Baixo a forma dun himno, este é un rexistro da gama completa de cadencias e luminosidades das mareas, dende os tons acuáticos máis brillantes a outros medios do crepúsculo. A Child's Garden and the Serious Sea (1991) é a primeira das películas que forman a serie –forma cada vez máis predilecta na carreira de Stan Brakhage– The Victoria Trilogy, logo convertida en Vancouver Island Quartet, se cadra a última obra maior do cineasta, unha vez se estableceu na illa de Vancouver nos anos finais da súa vida –a serie, onde cada segmento mantén os seus propios elementos, está formada tamén por The Mammals of Victoria (1994), The God of Day Had Gone Down Upon Him (2000) e Panels for the Walls of Heaven (2002)–. Nela examina a infancia da segunda esposa de Brakhage, Marilyn, a través da paisaxe mariña de Victoria, en British Columbia. O cineasta intenta somerxerse no mundo dela nunha (auto)biografía que pasa pola transferencia e a identificación co pasado da súa muller: «Estaba no seu xardín de infancia, e alí estaba o mar, non como un contrapeso, senón como un xerador escondido de todo, do Mundo que debía ser descuberto por el/calquera neno» –a auga, neste mundo primitivo, controlarao todo–. Unha das primeiras inspiracións foi ARK, de Ronald Johnson –como atopar o xardín fóra dun mesmo? Descubríndose un mesmo no mundo exterior: de aí a analoxía entre vida, luz, física e universo macro e microscópico–, un dos seus poetas favoritos cabo de Pound ou Stein, e Charles Olson.
Bruce Elder comparou esta obra de Brakhage co traballo de Monet ou Giverny, pois este filme é central no seu prolífico «período tardío», denominación que aplicamos á obra dos grandes pintores. Nel hai técnicas e tipos de película variadas en cor e contraste, así como a materialización do que rumiou durante a década dos 70 como «un posible arte do cine», incluíndo o «grao de recepción da luminosidade necesario para unha evolución única da forma fílmica» (palabras dirixidas ao cineasta Jim Davis) renovado a través das paisaxes na década dos 90, como os de Mesa Verde en Visions in Meditations #2 (1990), película de viaxes polo Oeste con Marilyn, e de transición cara A Child’s…, liberándose do psicodrama (ruptura con Jane, serie de películas –Confession [1986], ou o ciclo Faust [1987-89]–) e regresando ao espectro ceo–terra–auga (Songs 3, 7, 8, 22 [1966], Creation [1979], Made Manifest [1980]…) para transformar os restos flotantes en mapas de estrelas e lembrar a terra nas follas ou nas plantas depositadas en pleno océano. A colisión de cores, de luces, concede unha certa ambigüidade ao estatuto da imaxe: meditación, intercambio, proxección ou biografía imaxinaria?“
Da presentación de A Child's Garden and the Serious Sea (Revista Lumière)
Agradecementos: Nathaniel Dorsky, Peter Hutton, Revista Lumière, Musac (León), Light Cone (París), Canyon Cinema (San Francisco).