Cines del Sur: Cine filipino 1976-2009 (I)
Do 1 de xuño de 2010 ao 30 de xuño de 2010
En colaboración co Festival de Granada Cines del Sur, Filmoteca de Andalucía,
Filmoteca de Catalunya e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
Filipinas –tal e como amosa o xenial Raya Martin nas súas reconstrucións
ficticias dun legado inexistente- non o ten fácil á hora de situar e/ou
clarificar o seu patrimonio histórico-fílmico, xa que non posúe documentos
cinematográficos anteriores a 1937, co que décadas enteiras de produción
están perdidas. A súa exportación exterior, vía festivais, acontece a partir
dos anos setenta coas conseguintes dificultades de seguimento e análise
dos seus autores e tendencias de traballo.
A relación coa Historia nun sentido amplo, un dos grandes temas abordados
polo cine filipino dos últimos cincuenta anos, ten autores como Eddie
Romero, home clave da evolución do cine filipino, atrevéndose a poñer en
imaxes a colonización española no filme epígono We were Like this Yesterday,
How is it Today? (1976); Mario O´Hara fai o propio co duro período de ocupación
xaponesa en Three Years without God (1976), mentres que Raymond
Red puxo en imaxes a biografía do heroe nacional Andrés Bonifacio, en
Heroes (1992).
A retrospectiva que o Festival de Granada Cines del Sur e diversas filmotecas,
entre elas o CGAI, propoñen, abarca desde a década dos setenta ata
a actualidade. Están representados os nomes fundamentais desta evolución,
como Romero ou o gran responsable de colocar a Filipinas no mapa dos
festivais entre os setenta e os oitenta, Lino Brocka, que en Insiang (1976)
anticipa, no seu dramático retrato dunha Manila popular, a que logo será inspiración
de directores máis novos, como Brillante Mendoza, ou a de Jeffrey
Jeturian en The Bet Collector (2006). Pero tamén a do esencial Mike de León
(Itim, 1976), a do non menos central Ishmael Bernal (creador do hipnótico
pesadelo Manila by Night / City after Dark, 1980, homenaxeada recentemente
polos mozos Adolfo Alix Jr. e Raya Martin), ou o inclasificable e apaixonante
Kidlat Tahimik (Perfumed Nightmare, 1977; Turumba, 1981).
Ao mesmo tempo a nova xeración filipina que os festivais internacionais
deron a coñecer no último lustro ten o seu lugar con filmes como Magdalena
- The Unholy Saint (2004), da actriz e directora Laurice Guillen; Evolution
of a Philipino Family (2005) de Lav Diaz; Service (2008) de Mendoza,
Imburnal (2008) de Sherad Anthony Sanchez, ou Drumbeat (2007) de Alix
Jr., unha mostra na que cabe o melodrama popular e o arrebato sexual, a
cita impostergable coa propia historia nacional e o retrato das obsesións
relixiosas e as esgazaduras da corrupción e do subdesenvolvemento.
Agradecementos: British Film Institute (Gran Bretaña).