Cine francés: Centenario Jean-Pierre Melville
Do 30 de outubro de 2017 ao 22 de decembro de 2017
"Cambiei o meu nome de Jean-Pierre Grumbach polo de Jean-Pierre Melville por admiración pura, por desexo de identificación cun autor que me enchía máis que calquera outro: Herman Melville. Tres escritores americanos marcaron a miña adolescencia: Edgar A. Poe, Jack London e Melville. Tomei o nome de Melville moi axiña, antes de facer cine: fixen a guerra con el.
(...) Definíronme como o máis americano dos realizadores franceses e o máis francés dos realizadores americanos (Gilles Jacob). É unha bonita frase para ler nunha crítica, mais non me parece exacto.
(...) Non se pode establecer nacionalidade a partir da forma de realizar as películas. Non quero ser paradóxico e dicir que non me sinto impresionado pola arte cinematográfica americana, iso sería erróneo. É certo que as miñas primeiras leccións aprendinas de sesenta e tres grandes realizadores americanos que, na miña opinión, me ensinaron a profesión. Non vexo moi ben a diferenza entre o cine italiano, xaponés, inglés, francés, cando está ben feito, e o americano. Pódese facer a diferenza de cines segundo as películas estean ben ou mal feitas. E podemos considerar que os sesenta e tres cineastas importantes de Hollywood nos anos 30-40 eran xente que coñecía extraordinariamente ben a súa profesión, e que facían un cine clásico mais en absoluto académico. Este cine aprendino ao igual que todos os cineastas da miña xeración, xa fosen italianos, ingleses ou xaponeses. Encontrámonos fronte a unha gramática e unha sintaxe tan ben elaboradas que non se podían inventar outras.
(...) É divertido ver a xente querendo facer un cine novo, querendo revolucionar un tipo de narración que resistiu a todo. A única cousa verdadeira, importante, é que o cine vence a todo isto e sempre volta ás súas formas clásicas.
(...) A cualidade primordial que esixo a un heroe das miñas historias é que sexa un personaxe tráxico. Quero que isto se saiba nos primeiros cinco minutos da miña película.
Non creo na amizade e menos na amizade viril entre delicuentes. Mais gosto de reflectir isto nas miñas películas. Así como a simpatía que teñen os delicuentes polos policías e os policías polos delincuentes. Despois de todo, os uns existen en relación aos outros, e ao revés.
(...) Non lembro quen dixo: 'Nunha película de Godard, Jeff Costello [o protagonista de El silencio de un hombre, Alain Delon no filme], deitado sobre a cama do seu cuarto, lería un libro ao que se lle vira antes a cuberta, e nunha de Bresson faríase un café con leite'. Isto non me interesa. Non me gusta ver a heroes enfrontárense co que poderiamos chamar unha función orgánica. Polo contrario, gústame que se enfronte a outro mester que o de comer, beber ou preparar café.
Unha escena de amor, cun home e cunha muller na cama, é difícil de filmar e todas as que vin están mal filmadas. Por iso eu non as rodo nunca.
(...) Non sei o que vai quedar de min dentro de cincuenta anos. Probablemente todas as miñas películas envellecerán terriblemente, e o cine xa non existirá. Eu estimo que a desaparición do cine terá lugar cara ao ano 2020, e que para daquela xa non existirá máis que a televisión."
Fragmentos do artículo Jeam-Pierre Melville por Jean-Pierre Melville, declaracións recompiladas por Carlos Aguilar. Nosferatu. Revista de Cine, nº 13, outubro 1993.