Charles Chaplin
Do 30 de setembro de 2022 ao 10 de decembro de 2022
Autor renacentista e cineasta total dono de múltiples talentos artísticos, Charles Chaplin (Londres, 1889-Corsier-sur-Vevey, 1977) permanece como un dos eixos creativos primordiais da historia do cinema, unha figura xenial envolta tamén en episodios, tempos e feitos controvertidos. Nacido nos ambientes alegres do music hall, vai ser tan popular como decisivo no cine mudo de Hollywood desde a súa chegada á Keystone e pola tardiamente premeditada incorporación ao cine sonoro, que non se produciría ata El gran dictador (1940).
Chaplin elabora un cine maxistral onde o físico e o emotivo converxen, deixando pegadas a través primeiro do personaxe do vagabundo imperecedeiro Charlot e logo de filmes, de Luces de la ciudad ou Tiempos modernos a Candilejas, onde o vigor da posta en escea e a complexidade dos vibrantes trasfondos transforman toda perspectiva tópica. O ciclo que a Filmoteca de Galicia programa cubrirá o seu traballo entre 1918 e 1959 a través de copias restauradas, unha sucesión de traballos aos que sempre convén volver.