Bruno Dumont
Do 1 de decembro de 2006 ao 31 de decembro de 2006
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca, Filmoteca de Cantabria e Alianza Francesa da Coruña.
O cinema de Bruno Dumont elude a posibilidade de creación dunha ficción manipulada e previsible en beneficio dun redescubrimento da transcendencia e da beleza do común, proporcionándonos imaxes do ser humano brutalmente honestas e, moitas veces, arrepiantes, coa conseguinte obriga de responder visceralmente ante elas. Quizais por iso, o seu cine sofre o rexeitamento daqueles que non se deteñen a observar o mundo que os rodea e que dan as costas á simple idea de que o home poida posuír unha parte de bestialidade. Asumir as súas narracións supón manter fixa a mirada durante momentos ás veces exasperantemente longos sobre rostros que non falan máis que o xusto -a temperatura e a humidade interesan máis que a maioría do que se di-, pero que, observados durante o tempo necesario, reflicten a ingratitude, a aspereza, a brutalidade e tamén a beleza dos seus protagonistas, intérpretes dun cine de contemplación que non precisa de repercusións moralmente tranquilizadoras para fascinar o espectador. Para moitos, nunha enésima negación de admisión da realidade e do compromiso co mundo, o cine non é o lugar da miseria, mais Dumont na miseria non ve miseria ou, polo menos, non só iso. Ve desgraza, ve incomprensión. Ve a cara torturada de Maria Falconetti, a Xoana de Arco de Carl Theodor Dreyer, ve a mirada de Martin La Salle cando perde a liberdade en Pickpocket de Bresson. Cru, realista e escéptico, Dumont intenta compartir a súa forma de sacerdocio contra o conformismo, a súa concepción do cine como arte salvaxe e radical. Nel un sangra, chora e berra ante os forcexos entre Eros e Thanatos, desprovistos do revestimento intelectual e simbolicamente pesado que converte parte do cinema moderno supostamente de autor nun gueto nas marxes do discurso cultural. As películas de Dumont aparecen gobernadas por tan espida desesperación que non poden contar unha historia nin resolverse completamente, porque as accións do home non son efectivas e, no fondo, non significan grande cosa. O sentido supremo recae nas imaxes, paisaxes alienadas que rematan desvelando os seus segredos como reflexos da atormentada interioridade do ser humano. Na maneira en como intenta capturar a cara oculta do home a través do retrato da súa face visible, por un lado, e do contorno, por outro, Dumont aprende a empregar a cámara do mesmo modo que un pintor manexa a paleta e o pincel.
Agradecementos: 3B Productions (Francia), Lucie Deglise, Claire Bodechon, Pyramide Films (Francia), Paul Richer, Films Distribution (Francia), Paméla Leu, Celluloid Dreams (Francia), Pascale Ramonda.

FLANDRES

LA VIE DE JESUS

L´HUMANITÉ
