ANDRÉI KONCHALOVSKY
Do 17 de setembro de 2013 ao 31 de outubro de 2013
En colaboración co Centro Ruso de Ciencia e Cultura, The Andréi Konchalovsky Production Center, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca de Andalucía.
Andréi Sergueyevich Konchalovsky (Moscú, 1937) é un dos máis coñecidos directores de cine rusos. Home de cine e teatro, actor, director de máis de vinte filmes e nove producións teatrais, escritor, guionista do primeiro Andréi Tarkovski (La infancia de Iván, 1962; Andrei Rubliev, 1966), fillo dun célebre poeta e irmán do tamén realizador Nikita Mikhalkov-Konchalovsky, de xeito ben singular e na fin da Guerra Fría, Andréi Konchalovsky desenvolve parte da súa carreira nos Estados Unidos.
Logo de recibir unha esmerada formación musical e cinematográfica, dirixe unha curtametraxe triunfal, Malchik i golub (El niño y la paloma), gañadora do premio para debutantes do Festival de cine de Venecia de 1962, e, en 1965, inspirado pola creatividade de Akira Kurosawa, filma Pervij uchitel (El primer maestro), historia dun mozo idealista, soldado do Exército Vermello que trata de alfabetizar os pastores dun lugar perdido de Asia Central. A súa seguinte película é Istoriya Asi Klyachinoy, kotoraya lyubila, da ne vyshla zamuzh (La historia de Asia Kachina, que amó pero no quiso casarse, 1967), un filme formalmente complexo e arriscado con problemas de censura que non ve a luz ata 1988, seguido dunha particular secuela: Kurochka Ryaba (La gallina de los huevos de oro, 1994). En 1969 volve a vista cara aos clásicos, e presenta Dvoryanskoe gnezdo (Nido de nobles) de Iván Turgueniev. No seu seguinte filme, Diadia Vania (Tío Vania, 1970), adapta con habelencia a Chéjov, co célebre actor e director Sergei Bondarchuk no papel de Astrov. Tío Vania obtén a Concha de Prata no Festival de San Sebastián.
Un enorme éxito de recadación (40 millóns de espectadores) e o Gran Premio en Karlovy Vary acompañan a Romans o vlyublyonnykh (Romance de enamorados, 1974). O memorable poema fílmico Sibiriada (Siberiada, 1979), rexistro épico de case un século enteiro de vida en Rusia, resulta galardoado co Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes. En 1980, logo de ser nomeado Artista del Pueblo da URSS, Konchalovsky marcha a Occidente e traballa en Hollywood, onde amosa a súa capacidade tanto para a posta en escena como para a análise de personaxes extremosos. Alí dirixe, para a esquizofrénica produtora Cannon, películas de renome como Maria's Lovers (Los amantes de María, 1984) ou Runaway Train (El tren del infierno, 1985), gaña a Concha de Ouro no Festival de San Sebastián con Homer & Eddie (Homer y Eddie, 1990) e proba no blockbuster con Tango & Cash (Tango y Cash, 1989) con Sylvester Stallone e Kurt Russell como protagonistas. Konchalovsky realiza tamén Duet for One (Ansias de vivir, 1986) e Shy People (Vidas distantes, 1987) en Estados Unidos. De regreso a unha Rusia poscomunista, roda The Inner Circle (El círculo del poder, 1991), reflexión sobre a esencia do estalinismo a través do destino dunha "persoa humilde": o proxeccionista de Stalin. A luxosa serie The Odyssey (La Odisea, 1997), ten difusión en televisións de todo o mundo. Este proxecto foi, na súa época, a producción televisiva máis cara existente e recibiu un premio Emmy. En 2002, a súa película Dom durakov (La casa de los locos), relato dos residentes dun psiquiátrico próximo á fronteira chechena durante a primeira guerra de Chechenia, obtén o Gran Premio do Xurado en Venecia. En 2007 estrea a súa seguinte película, Glyanets / Gloss, co traballo da súa muller, a actriz Julia Visotskaya. Nos últimos anos, hiperactivo e polifacético, coproduce The Last Station (La última estación, 2009), película sobre os derradeiros días de León Tolstói, que recibe varios Globos de Ouro e resulta nomeada aos Óscar 2009; encárgase de montaxes teatrais, mesmo ópera e musicais, ao tempo que dá cabida á escritura, como articulista, blogueiro e autor de varios libros. Coa fundación en 2003 de The Andrei Konchalovski Production Center, realiza traballos para as principais canles rusas de televisión (NTV, RTR, Kultura e Zvezda), especializado en series de documentais biográficos, nomeadamente sobre artistas e políticos.
Agradecementos: Cristina Bernáldez, Petri Serrano, Luis E.Parés, Filmoteca Española.

El primer maestro

The Story of Asya Klyachina...

Nido de nobles

Tío Vania

Siberiada

Los amantes de María

El tren del infierno

Vidas distantes

El círculo del poder
