Amos Gitai (I)
Do 1 de xaneiro de 2005 ao 31 de xaneiro de 2005
En colaboración con: 49 Semana Internacional de Cine de Valladolid, Filmoteca Española, Filmoteca de Catalunya, IVAC-La Filmoteca.
A partires de Kadosh (1999), a obra de Amos Gitai empezou a ser máis coñecida e mellor valorada en moitos lugares. Púidose comprobar con ocasión da estrea en Francia de Kippur, en 2000, moi ben acollida pola crítica, que desempeñou un papel fundamental nesa revalorización, igual que os festivais de Cannes e Venecia. Até o punto de que, para os medios de comunicación, Gitai converteuse, non só na representación visible de todo o cine israelí, senón nunha especie de intérprete virtual dos acontecementos e desgrazas que con frecuencia golpean Oriente Medio. É unha situación paradoxal, posto que Gitai se nega, con razón, a asumir a condición incómoda e esterilizadora de "cineasta oficial". Aínda que decididamente comprometido, o seu cine non aspira a ser o reflexo ideolóxico ou político dunha situación histórica conflictiva e moi complexa. Pero as súas películas tratan de captar algunhas das claves, reais e simbólicas, en torno ás cales se construíu a imaxe colectiva que se ten desta zona do mundo. Iso achega valor engadido a unha experiencia cinematográfica singular, á vez solitaria e moi frecuentada (…).
Amos Gitai exerce esa especie de vixilancia crítica dentro do propio Israel, o seu país natal. E faino no seu idioma, o hebreo. Os títulos das súas películas adoitan conter unha palabra nesa lingua materna ("devarim", "yom yom", "kadosh","kippur", "kedma", etc.) lexitimándoa ante os demais -dado que falar a súa lingua equivale a afirmar a súa pertenza ao mundo- e permitíndose valorar ou criticar unha determinada representación do mundo, en canto poida ser enganosa, negativa e incluso contraria aos intereses do seu país. Naturalmente, esa actitude esixe certa valentía. O cine de Gitai sería un intento de captar ou rexistrar -tanto nas súas películas de ficción como nas documentais- a sacudida sísmica da zona. É un cine que actúa "en quente" sobre os feitos, no sentido forte da expresión, aínda que dando un rodeo a través da Memoria, do Libro ou da Historia.
As primeiras características da obra de Amos Gitai son a súa fecundidade e a súa rapidez de execución. Nado en Haifa o 11 de outubro de 1950, realizou xa máis de corenta películas nunha vintena de anos. As súas obras teñen duracións moi variadas -hai entre elas curtas, medias e longametraxes- e foron realizadas en todos os soportes: Súper 8, 16 e 35mm, en celuloide ou en vídeo, en ocasións para a televisión e na maioría dos casos para o cine. Non é raro que Gitai realice varias películas nun mesmo ano, pasando da ficción ao documental, sen renunciar a ningún dos dous. Ese sorprendente ritmo ten a súa orixe no sistema de produción que soubo organizar e que asegura a súa interdependencia. Esta é a condición indispensable que lle permite pasar dun filme a outro, e dun xénero a outro, a impulsos da súa inspiración e abordando con liberdade os temas que lle interesan. Pero ten o inconveniente de que as súas creacións non sempre reciben en Israel o recoñecemento que merecen, por parte da crítica nin do público. Aínda que iso tampouco impide a continuidade dunha obra desenvolvida a un ritmo moi intenso.
(…) E esa liberdade protéxeo de todo tipo de presións, ideolóxicas ou comerciais. Iso permítelle tratar certos temas que son moi pouco ortodoxos en Israel, xa se trate da ocupación de Cisxordania (Yoman Sadeh) ou do papel que outorga a relixión xudía ortodoxa ás mulleres (Kadosh) ou incluso das condicións da creación do estado de Israel en 1948 (Kedma). Pero nada diso converte tampouco a Amos Gitai nun iconoclasta ou nun provocador. Como apuntamos, o seu status, se o ten, é moi diferente: o de vixía ou sentinela.
Nese sistema de produción, a rapidez desempeña un papel primordial. Gitai roda todas as súas películas moi a présa -en catro semanas, poucas veces en máis e con orzamentos moi axustados. Esta economía de produción esixe unha perfecta preparación das rodaxes e reunir un equipo técnico e artístico competente e fiel á vez, co que poder tomar decisións rápidas no contexto difícil e tenso da situación de crise de Israel e, desde o desencadeamento da segunda Intifada, entre ameazas de atentados.
É nese marco familiar e case doméstico onde Gitai encadeou durante os últimos dez anos un gran número de películas, cunha cadencia sostida e regular: en menos dunha década -desde o seu regreso a Israel a mediados dos noventa, despois de pasar dez anos en Francia-, o cineasta dirixiu unha quincena de películas, a metade de ficción e a outra metade documentais. Devarim, realizada en 1995, supuxo o regreso ao seu país e o reencontro coa luz e a xeografía dunha cidade: Tel Aviv. Foi a primeira parte dunha triloxía sobre cidades, que se completou con Yom Yom (sobre Haifa) e Kadosh (sobre Mea Sharim, o barrio dos relixiosos ortodoxos de Xerusalén). En 2000 filmou Kippur, evocación da guerra de 1973, na que estivo a punto de perder a vida nun accidente de helicóptero, mentres facía o servizo militar. Ao ano seguinte Edén, baseada nunha novela de Arthur Miller, e despois Kedma en 2002, Alila en 2003 e Promised Land este mesmo ano 2004. A eses sete títulos de ficción hai que engadir varios documentais, cada un dos cales responde a un acontecemento político de gran importancia (…).
Nas primeiras películas do cineasta aparecerán pegadas daquel afán inicial de representar o territorio e o espazo mediante obxectos imaxinarios e xogos de memoria: Bait, a súa primeira longametraxe documental, presentaba a cuestión da posta en escena dentro dun espazo concreto, o dunha casa de Xerusalén que até 1948 pertencera a unha familia palestina. (...) Ao sondear o espazo dunha vivenda (Bait); despois o dunha metrópole (a triloxía das cidades), logo o dun texto (Esther, Berlin-Jerusalem ou Golem, l'Esprit de l'exil), e incluso o dun feito ou acontecemento histórico (Kedma), o cine de Amos Gitai invita a descubrir outra memoria, a escoitar outro relato; é dicir, a facer que escoitemos outra historia. A forza e a capacidade de veracidade do seu cine baséanse nesta visión polifónica dun territorio que a imaxe se esforza en delimitar, sondear, explorar, para extraer del unha palabra que teña valor de testemuña. No aspecto formal, o uso recorrente do plano secuencia é o signo máis evidente da traxectoria cinematográfica de Amos Gitai (…).
Coas súas idas e vidas entre ficción e documental, entre pasado e presente, entre a vida real e a imaxinaria, a obra de Gitai afonda constantemente no espazo e no territorio, cuestionando a identidade xudía cunha especie de obstinación tranquila, de serena inquietude.
Serge Toubiana (Exilios y territorios. El cine de Amos Gitai, 49 Semana Internacional de Cine, Valladolid, 2004)
Ciclo centrado na figura de Amos Gitai, cineasta israelí do que só se estreou comercialmente unha película en España (aínda que outras catro acaban de ser editadas en DVD por Divisa). Ao longo dos meses de xaneiro e febreiro presentaranse as súas longametraxes de ficción, desde Esther (1985) até Alila (3003), e unha selección da súa obra documental.