Alain Resnais (I)
Do 1 de novembro de 2008 ao 30 de novembro de 2008
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Home inquieto e erudito, Alain Resnais (Vannes, Bretaña, 1922) inicia a súa traxectoria cinematográfica rodando curtas en 8 mm aos 13 anos. Documentalista e montador de excepción nos anos 50, ben arroupado en moitas das súas estimulantes propostas narrativas por escritores de prestixio (Duras, Semprún, Gruault, Cayrol, Mercer, o propio Marker ou Alain Robbe Grillet), Resnais vai crear unha simbiose creadora entre o cine e a literatura atendendo á especificidade da imaxe. Un poderoso arsenal de recursos van cubrir títulos míticos como Hiroshima mon amour (1959), El año pasado en Marienbad (1961), Providence (1977) ou Mi tío de América (1980), ata chegar nun prodixio de actividade aos nosos días, para certificar a súa capacidade de invención, a audacia e o carácter lúdico das súas metodoloxías. A inestabilidade da mente humana déixase ver na súa obra pola fragmentación das perspectivas e a enunciación, a multiplicación dos recunchos polos que se filtran os conceptos de espazo e tempo, o mantemento da mirada de disección documentalista, o uso estilístico da repetición e as fusións de fantasía e realidade, características que fan de Resnais un dos cineastas imprescindibles do noso tempo. O ciclo proseguirá no mes de decembro.