
Aki Kaurismäki
Do 6 de febreiro de 2024 ao 27 de abril de 2024
Cadrando co éxito da súa última película, Fallen Leaves, a Filmoteca de Galicia, en colaboración coa distribuidora Avalon, dedícalle unha retrospectiva ao cineasta Aki Kaurismäki (Finlandia, 1957) que se ha estender varios meses. Xa entre novembro de 1999 e xaneiro de 2000, dedicáraselle unha primeira retrospectiva en colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón e a Filmoteca de la Generalitat Valenciana. Daquela, Kaurismäki realizara 15 das vinte longametraxes coas que conta ata hoxe, ademais de numerosas curtametraxes. Desde aí a súa produción pode que minorase, mais non o seu impacto entre o público, pois é nestes últimos 24 años cando atinxiu os seus maiores éxitos: El hombre sin pasado, El Havre e agora Fallen Leaves.
Co gallo daquel primeiro ciclo publicouse o libro colectivo Emociones de contrabando. El cine de Aki Kaurismäki, nunha edición de Carlos F. Heredero. Da súa introdución, Cuentos de silencio y de melancolía, extractamos estes parágrafos singularmente reveladores tanto hoxe como hai máis de dúas décadas:
“Cineasta de vocación nómade e errante, mais con raíces fondamente chantadas na cultura e o pathos da súa Finlandia natal, Aki Kaurismäki percorre unha das traxectorias máis singulares e apaixonantes de cine contemporáneo todo. Das súas imaxes secas, brutalmente elípticas, preñes de soidade e melancolía, fortemente socavadas por un humor disolvente e subterráneo, emerxe un discurso que fala do desamparo social e da derrota individual, do autismo emocional e da desolación existencial, mais que −lonxe de esgotarse nestas facetas− vén a propor en clave estilizada unha frutífera relectura da realidade á que as súas imaxes remiten.
Sendo como é un cineasta cheo de pesimismo, portador dunha radiografía feroz, ás veces negrísima, da sociedade finesa onde enraíza, a obra de Kaurismäki percorre un camiño que evoluciona desde a escuridade máis atroz (onde se lles nega toda posible saída de futuro aos seus personaxes) ata a intuición esperanzada dun horizonte vital que, paseniño, vai deixando atrás as nubes pasaxeiras e que semella despexarse para as súas vulnerables e aflixidas criaturas. Contos de silencio e de melancolía, as súas películas ábrense paso entre a dor e a angustia ata converterse, case inesperadamente, en fábulas cargadas de amor e de solidariedade cara aos seus protagonistas, xa que −malia a súa aparencia seca e cortante− o seu cine dista moito de ser unidimensional ou de expresarse cun rexistro unívoco e excluínte.
O ‘universo Kaurismäki’ desencártase sobre a pantalla, ao menos, nunha dupla dimensión. En primeira instancia, como radiografía metafórica dun mundo abrasado polo desamor, a infelicidade e o illamento: un retrato sen piedade e sen concesións, portador dun discurso fondamente escéptico sobre o presente e nihilista ata a médula. En segundo termo, como o que Peter von Bagh (o máis relevante historiador finés e amigo persoal do cineasta) chamou con palabras fermosísimas ‘unha enigmática terra de ninguén chea de emoción silandeira, humorística e fonda’, un territorio imaxinario relacionado con esas ‘densas paisaxes urbanas de soño que Kaurismäki logra crear nas súas películas e que, basicamente, carecen de equivalente na vida real’. Unha fantasiosa no man’s land, por tanto, da que se desprende un discurso morriñento do pretérito e confiado no futuro, contaxiado por unha secreta tenrura e por unha felicidade apenas intuída, mais irrenunciable.” (Carlos F. Heredero)

Sombras en el paraíso

Fallen Leaves

Hamlet va de negocios

Ariel

Leningrad Cowboys Go America

La chica de la fábrica de cerillas

Contraté un asesino a sueldo

La vida de bohemia

Agárrate el pañuelo, Tatiana

Aki Kaurismäki: curtametraxes

Leningrad Cowboys Total Balalaika Show

Crimen y castigo

Nubes pasajeras

Calamari Union

Juha

Leningrad Cowboys Meet Moses

Un hombre sin pasado

Luces al atardecer

El Havre
