El otro lado de la esperanza
Toivon tuolla puolen
Sakari Kuosmanen, Sherwan Haji, Kati Outinen, Tommi Korpela, Janne Hyytiäinen, Ilkka Koivula, Kaija Pakarinen, Nuppu Koivu, Tuomari Nurmio, Niroz Haji
- 100 minutos
Khaled chega de Siria a Helsinki agochado na bodega dun barco. Ante a denegación da demanda de asilo, decide ficar igualmente en Finlandia, onde atopa traballo nun decadente restaurante logo de que o propietario, ao velo durmir xunto ao seu cubo de lixo, decida acollelo. Ten a intención de atopar a irmá, fuxida tamén de Siria e á que perdeu a pista.
-
Aki Kaurismäki: 10 razones para adorar al irreverente cineasta finlandés
Por Paula Arantzazu Ruiz (Cinemanía)
Trailer do filme
Versión orixinal subtitulada
Aki Kaurismäki: “Hai que exterminar os ricos e os políticos que lles lamben o cu”
Entrevista por Nando Salvá (El Periódico de Catalunya)
Está claro que Aki Kaurismäki é un director de ideas fixas. Os ingredientes que leva tres décadas usando para facer o seu cine-humor impasible, deliciosos anacronismos visuais, desarmante sinxeleza narrativa e personaxes que fan cousas moi absurdas moi en serio – son os mesmos que contén a súa nova película, pola que obtivo o premio ao mellor director na pasada Berlinale. Segunda entrega dunha triloxía sobre o drama dos inmigrantes, El otro lado de la esperanza converte as tribulacións dun refuxiado en Helsinki nun canto á solidariedade e á decencia.
Que o impulsou a querer dedicar unha triloxía ao drama dos refuxiados en Europa? Eu nunca crin ser moi listo mais agora, por culpa dos líderes políticos, síntome un idiota. Nacín en Europa e fun educado como europeo, mais hoxe avergóñome diso. A democracia occidental xa non segue as regras básicas da auténtica democracia. Esquecemos que os refuxiados son xente que ama e necesita ser amada, que ten unha historia e uns sentimentos, e que sofre. E sofre sobre todo a causa da nosa indiferenza, e o trato inhumano que lles damos.
Tras situar Le Havre (2011) en Francia, na nova película volveu a Finlandia. Non é mellor alí o trato aos refuxiados? Todo o mundo cre que os países nórdicos son un paraíso do benestar, e iso é unha babecada. No meu país actualmente os inmigrantes son tratados coma se fosen lixo. Ollo, a xente de a pe é magnífica e esfórzase por axudalos, mais o goberno e os funcionarios fan o que poden por evitar que entren ou botalos. Se o meu goberno segue así penso queimar o meu pasaporte finés.
Adóitase consideralo un director misántropo, mais en realidade o seu cine está cheo de humanismo. Como se definiría vostede? Parezo un tipo frío, mais son un sentimental. Coido moito dos demais, aínda que de min mesmo non coide nada. Sen solidariedade a nosa vida está baleira. Eu cheguei a pensar que as miñas películas poderían cambiar o mundo, ou ao menos cambiar Europa. Agora confórmome con que cambien a tres ou catro persoas. En todo caso, quero crer que a humanidade pode endereitar o seu rumbo a pesar de que ata os cans teñen máis bondade ca nós.
Soa vostede apocalíptico. Nunca fora tan pesimista coma o son agora. Supoño que antes ou despois acabarei suicidándome. Despois de todo, suicidarse é algo moi finés. O noso problema é que non temos suficientes horas de luz solar. Fáltanos vitamina D, e iso deprímenos.
Unha vez dixo que, mentres fai unha película, a metade do tempo está sobrio e a outra metade, bébedo. Manteno? É que cando bebo non son quen de escribir, así que durante o proceso de guión estou sobrio, e durante a montaxe tamén. Mais podo dirixir e beber á vez, así que cando dirixo, bebo. Mais cada vez menos.
A dos refuxiados é a terceira triloxía da súa carreira. Por que ese costume de agrupar o seu cine en tríos? Porque son un preguiceiro, e preciso facer plans futuros para manter a enerxía. Dito isto, se cadra esta triloxía terá só dúas películas. Iso non o fixo ninguén nunca antes, non? Sei que isto xa o dixen no pasado, mais agora vai en serio: é posible que non faga máis películas. Pasei demasiado tempo facendo cine, e estou canso. Prefiro pasar os días recollendo cogomelos. Ao cabo, as miñas películas son unha merda.
Ninguén máis semella compartir esa opinión. Como sempre digo, aínda que a frase non é miña, no mundo dos cegos o chosco é o rei.
Non hai ningunha das súas películas que lle guste? Algunhas non me parecen odiosas, mais non fixen ningunha que me parecese satisfactoria. Do contrario, teríame retirado xusto despois de facela. E agora xa chego tarde, porque son unha desfeita física e mentalmente. Aínda así, se dentro de cinco anos sigo vivo, é posible que faga outra película. Mesmo pode que sexa a comedia máis optimista de toda a miña carreira.