Abbas Kiarostami
Do 11 de xaneiro de 2023 ao 8 de marzo de 2023
Viaxando no tempo, unha revisión da década dos 90 do século pasado, ofrece sen dúbida un resultado demoledor: a revelación internacional de Abbas Kiarostami. A relevancia e influencia do cineasta iraní (Teherán, 1940-París, 2016) vai ser un dos máis pracenteiros e consistentes puntos de inflexión na historia do cine. Gañador neses anos da Palma de Ouro en Cannes (El sabor de las cerezas, 1997) e de premios en Venecia (El viento nos llevará, 1999), cada título seu posterior, de Ten (2002) a Shirin (2008) ou Copia certificada (2010) vai ser agardado como un novo reto, unha nova sorpresa, unha maxistral inmersión en mundos onde establece con naturalidade pasmosa unha impecable fusión de tradición e modernidade, xerando obras suma de poesía, intertexto, reflexividade ou querencia neorrealista. A fascinación e desexo de perfección que o caracterizan, axudarán tamén a explorar as súas orixes, así como vislumbrar a súa capacidade e sutileza para elaborar unha obra libre (e non exenta de humor) nun tempo complexo.
Deseñador gráfico, ilustrador, artista plástico graduado en Pintura, a experiencia cinematográfica vai atrapalo nos anos que pasa no Kanun, o “Centro para o Desenvolvemento Intelectual de nenos e adolescentes” iraní. A realización dunha serie de filmes educativos (de excelencia), traballos que van das primeiras curtas, desde Pan y callejuela (1970), e chega ás longas coas que comeza a acadar prestixio fóra do seu país, ¿Dónde está la casa de mi amigo? (1987), Deberes (1989) ou Primer plano (1990), permite ver a pureza e coherencia da súa mirada brillante e singular, coronada con outras pezas maxistrais, como La vida continúa (1992) e a metanarrativa, impregnada do seu humor socarrón, A través de los olivos (1994). A Filmoteca de Galicia ofrece por orde cronolóxica unha completa retrospectiva sobre a súa obra.