Phantom Nebula
Takashi Makino, 2014.
65'. Vídeo. Presentación. Entrada de balde.
TAKASHI MAKINO:
As películas de Takashi Makino aspiran a ser, como el mesmo dixo, "xeradores para a imaxinación". Liberándose da tiranía do figurativo, o seu cine abraza unha abstracción orgánica, cambiante e envolvente sobre a que cada espectador imprime, en superposición, a súa propia esencia e recordos para xerar ese algo inasible que só se acha nesa clase de interseccións. Así traballa a imaxe e o son -elemento moi importante para Makino, que colaborou con músicos como Jim O'Rourke, Tara Jean O'Neill, Colleen, Chris Corsano e Lawrence English- na busca de algo que supere toda expectativa, mesmo a súa propia. Cofundador e membro do colectivo [+] (pronúnciese Plus), un dos principais axentes para a difusión e creación de cine experimental en Xapón, Takashi Makino encarna o presente e futuro da vangarda xaponesa e obtén cada vez maior éxito internacional. A mestura, en colaxe intricada e complexa, de imaxe analóxica e dixital das películas e performances de Makino sacode e humilla, traspasando a quen as ve e transformando a experiencia colectiva que é a proxección nunha asombrosa viaxe ao interior dun mesmo.
PHANTOM NEBULA
(Xapón, 2014)
Dirección: Takashi Makino. Duración: 65 minutos.
Estrea en España. Makino supera a fronteira das posibilidades técnicas do dixital neste filme, no cal emprega ata 10.000 capas superpostas de imaxe. Esta envolvente nebulosa fantasma, segundo el mesmo explica, evoca dalgunha forma ese fenómeno cósmico, existente no universo: unha masa gasosa etérea de forma indefinida e cambiante. Se ata agora o cine de Makino emanaba partículas que figuraban o microcosmos dunha célula ou o macrocosmos dos corpos celestes, este paso máis aló lévao aos confíns da súa galaxia fílmica, onde a partícula dá paso a unha espectral nebulosa.