Dos mujeres
La ciociara
Sophia Loren, Eleonora Brown, Jean-Paul Belmondo, Raf Vallone, Carlo Ninchi Andrea Checchi, Pupella Maggio, Emma Baron, Antonella Della Porta
- 100 min.
Unha muller viúva escapa de Roma durante a Segunda Guerra Mundial para se refuxiar xunto coa filla adolescente na súa vila natal entre as montañas. Alí todo semella en paz, aínda que quizais non por moito tempo.
De Sica abandona o neorrealismo que o caracterizara durante os anos corenta e cincuenta para compor un fresco a gran escala da Italia rural durante a guerra, con grandes recursos e no que figuran Sophia Loren e Jean-Paul Belmondo como protagonistas. Adaptación de Alberto Moravia, fíxolle gañar a Loren en Cannes e nos Óscar os galardóns de mellor intérprete feminina.
- Ano:1960
- Países de produción: Francia, Italia
- Guión: Cesare Zavattini, Vittorio De Sica (Novela: Alberto Moravia)
- Fotografía: Gábor Pogány
- Montaxe: Adriana Novelli
- Produtora(s): Compagnia Cinematografica Champion, Cocinor, Les Films Marceau, Société Générale de Cinématographie (S.G.C.)
“La Ciociara” e a consagración da estrela
Luca Prono
Dos mujeres (1960) marca o inicio da década na que Sophia Loren se consagrou definitivamente como estrela internacional, un status ao que a película de De Sica contribúe de xeito decisivo ao facer que a actriz gañase, entre tantos premios prestixiosos, o máis cobizado: o Óscar á mellor interpretación feminina. Nun principio, Dos mujeres ía ser unha película protagonizada por dúas estrelas, con Anna Magnani no papel de Cesira e Loren no da súa filla.
As dúbidas e o rexeitamento final de Magnani foron a causa de que a película se convertese nun vehículo para Loren, a única verdadeira estrela, capaz de eclipsar non só á moza coprotagonista Eleonora Brown, senón tamén a actores masculinos máis coñecidos como Raf Vallone e Jean-Paul Belmondo. O papel de Cesira, unha viúva que rexenta con destreza unha tenda de comestibles na Roma de finais da Segunda Guerra Mundial, rexuveneceuse considerablemente para que o interpretase Loren.
Os cambios introducidos no personaxe de Cesira na adaptación cinematográfica non se limitan, con todo, á idade, e son reveladores dunha estratexia narrativa que ve en Loren a principal fonte de identificación do público, sen dúbida feminino, pero non só. En xeral, mentres que a Cesira da novela de Moravia é unha muller que xa perdeu a autoestima e que, en certo xeito, xa está derrotada desde o principio, o personaxe interpretado por Sophia Loren é unha muller que loita, que non perdeu o seu orgullo e que é capaz de plantar cara aos homes, mesmo ao propio Giovanni (Raf Vallone), do que está namorada.
Precisamente unha escena con Giovanni resulta sintomática desde este punto de vista. Cando Cesira decide volver á súa vila para evitar os bombardeos sobre Roma e poñer a salvo a filla á que adora, confíalle a súa tenda de comestibles a Giovanni, un comerciante de carbón e leña e o único home que a quere sen estar interesado no seu patrimonio. Na novela, a escena na que Cesira lle confía a tenda a Giovanni e ambos fan o amor termina co home facendo que a muller firme unha declaración formal de entrega da tenda. Deste xeito, o sexo e o comercio —unha ecuación da que Cesira xa se dera conta nas páxinas anteriores— quedan ratificados mutuamente.
Ademais, Giovanni dálle «unha palmada no traseiro [a Cesira] coa man aberta, sorrindo». A muller non reacciona: «Pensei para os meus adentros que xa non tiña dereito a protestar, que xa non era unha muller honrada». Na película, en cambio, a reacción non se fai esperar e Cesira, co puño pechado na cara do home, advírtelle a Giovanni que non se atreva nunca máis a facer algo así, que «non se comporte coma se fose o dono», e devolve á tenda o carbón que estaba a se levar á súa casa. A Cesira cinematográfica é unha muller desexable para o público, tanto moral como fisicamente. Acepta o sexo, pero non como unha transacción (como se suxire en parte na novela): tal e como lle dirá outro personaxe masculino, Michele (Jean-Paul Belmondo), que adopta un punto de vista máis intelectual na súa admiración pola muller: «Non te botaches a perder por negociar».
Mentres que na novela Cesira se describe a si mesma e á súa filla como «dúas cegas que camiñan sen vernos e sen entender onde estamos» porque non teñen un home que as guíe, na película o personaxe interpretado por Loren é a guía. Nisto é moito máis segura que un home como Michele, un mozo intelectual incapaz de plasmar as súas ideas políticas nun proxecto para a comunidade campesiña da que forma parte: é exemplar a escena na que debe ler unha pasaxe da Biblia sobre Lázaro, pero ningún dos presentes está a escoitalo realmente.
Con todo, a forza de Cesira choca coas vicisitudes da Historia e coas marroquinadas: no seu regreso a Roma, as dúas mulleres son asaltadas por un pelotón de xendarmes e violadas. Na película, Cesira conseguirá recuperar a súa filla, evitándolle a dexeneración moral da novela, e seguirá sendo recoñecida como nai (e pai) da moza: as últimas palabras da obra de De Sica son precisamente «mamá» e «filla», a diferenza da novela, na que se menciona a autoridade masculina de Michele e evócase a súa lectura de Lázaro como fonte de arrepentimento.
No blogue Cinefilia Ritrovata, proxecto da Cineteca di Bologna, orixinal en italiano.