Children of the Beehive
Hachi no su no kodomotachi / 蜂の巣の子供たち
Daisuke Iwanami, Shimamura Shusaku, Shinichiro Kubota, Yoshikatsu Chiba, Yotaka Iwamoto, Sadao Nakamura, Kiyoshi Taira, Hiroyuki Mihara
- 86 min.
Un grupo de nenos sobrevive como pode no Xapón da posguerra a través do mercado negro. Cando se atopan cun soldado expatriado que vaga polo país, deciden unirse a el, co obxectivo de chegar a unha escola especial para orfos do conflito. O primeiro filme independente de Shimizu tras a súa marcha da Shochiku permitiulle facer unha fita de corte neorrealista na que non agocha ningunha das dificultadas que atravesaba a súa patria nesa altura. Particular road movie cunha sorprendente escena sobre as ruínas de Hiroshima, asentou unha liña de traballo con rapaces que se estendería durante moitos anos e ao longo de diversos filmes nos que as crianzas son protagonistas.
Foto ©KOKUSAI HOEI
-
Hiroshi Shimizu – A arte de perderse
Children of the Beehive
Versión lingüística:VOSGFormato:35mm.
- Ano:1948
- Países de produción: Xapón
- Guión: Hiroshi Shimizu
- Fotografía: Saburo Furuyama
- Produtora(s): Kokusai Hoei
Hiroshi Shimizu: un heroe do seu tempo
Alexander Jacoby (Senses of Cinema)
Os nenos de Shimizu non sempre son encantadores nin felices. Entre eles hai orfos de guerra (Los niños del paraíso [1948]), delincuentes (La torre de la instrospección [1941]), nenos que non queren aos seus pais (The Tale of Jiro [1955]) ou que non son queridos por eles (A Mother’s Love [1950]) e nenos rexeitados polos seus compañeiros (Olvida el amor por ahora [1937]). Algúns sofren enfermidades e discapacidades (La escuela de Shinomi [1955]), e outros morren (Olvida el amor por ahora, Los niños del paraíso). Shimizu non era só un director de películas infantís. A sutil traxicomedia de Arigato-san (1936) e Ornamental Hairpin (1941) distínguese pola súa delicada exploración dos sentimentos dos adultos. Ambas as películas teñen un enfoque principalmente persoal, pero o fondo de ambas é o empeoramento da situación política nunha nación cada vez máis belixerante. Pola súa banda, películas como Un héroe de Tokio (1935), Olvida el amor por ahora e Notes of an Itinerant Performer (1941) céntranse na opresión das mulleres na sociedade xaponesa.
As películas de Shimizu son, de feito, menos encantadoras que conmovedoras, e el era un gran crítico social. Os seus personaxes son case sempre persoas marxinadas da sociedade, ben sexa pola súa situación persoal (pobreza, ruptura familiar), a súa profesión (os seus homes adoitan ser artistas; as súas mulleres, azafatas ou prostitutas) ou a súa localización xeográfica (a maioría das súas películas están ambientadas en zonas periféricas de Xapón, en particular na península de Izu, montañosa e de difícil acceso). A simpatía de Shimizu polos marxinados permítelle adoptar unha perspectiva desde a que observar con escepticismo unha sociedade na que os seus personaxes encaixan con dificultade, se é que o fan. Esta tarefa nunca foi tan urxente coma no convulso Xapón da década de 1930.
Dado que a reputación de Shimizu segue a basearse en gran medida nas súas películas infantís, paga a pena tomalas como punto de partida. O seu recurso narrativo máis recorrente é centrarse en individuos excluídos do grupo, como ocorre en Olvida el amor por ahora, Los niños del paraíso, La escuela de Shinomi e (brevemente) en Four Seasons of Children (1939). O motivo desta exclusión varía, pero os prexuízos do grupo tenden a reflectir, en miniatura, os da sociedade no seu conxunto, ben sexa cara aos propios nenos ou cara aos seus pais: así, en Los niños del paraíso, dous irmáns son condenados ao ostracismo polos seus compañeiros porque o seu pai é sospeitoso (inxustamente) de malversación; mentres que en Olvida el amor por ahora, o heroe, Haru, é rexeitado polos seus compañeiros de colexio porque a súa nai o mantén traballando como azafata nun club nocturno. En La escuela de Shinomi, a atención céntrase na discapacidade infantil, un tema que evidentemente interesaba a Shimizu: é o tema dunha das súas primeiras películas conservadas (aínda que fragmentaria), The Village Blacksmith (1928), e un neno rompe o brazo e a perna nunha caída en Four Seasons of Childhood. En La escuela de Shinomi, un neno vítima da polio é rexeitado polos seus compañeiros, que se negan a deixalo participar no seu partido de béisbol e máis tarde inventan unha acusación infundada de roubo. Nun dos toques visuais máis dramáticos de Shimizu, a cámara segue ao mozo mentres foxe dos nenos que o acusan, coa súa muleta trazando unha liña na terra do patio, o que funciona como unha metáfora visual da súa estigmatización. A película é pesimista na medida en que asume que os problemas das persoas discapacitadas non poden ser acomodados dentro da sociedade: a solución que propón é a súa separación da sociedade maioritaria nunha escola especial. (...)
[Volvendo aos tempos da guerra], a medida que a situación bélica se agravaba, Shimizu viuse obrigado a cumprir cada vez máis cos requisitos do réxime militar. Sayon’s Bell (1943) foi concibida como propaganda para a ocupación xaponesa de Taiwán, e mesmo La torre de la introspección, unha obra aparentemente liberal sobre un fogar para nenos conflitivos, termina cunha nota incómoda cando os nenos aceptan un réxime de duro traballo físico para construír unha canle. Aínda que non é explicitamente militarista, a película, coa súa afirmación das penurias físicas e a perseveranza por unha causa maior, é sen dúbida compatible cos ideais do réxime. En defensa de Shimizu, cabe destacar que, na década de 1940, e sen dúbida despois de Pearl Harbour, todo director xaponés non tiña máis remedio que conformarse, polo menos pasivamente, con eses ideais ou deixar de traballar (das figuras máis importantes, só Yasujiro Ozu seguiu este último camiño). Shimizu, do mesmo xeito que Mizoguchi, acabou capitulando, pero resistiu todo o que puido.
Tradución propia do inglés.