Notes of an Itinerant Performer
Uta-jo oboegaki / 歌女おぼえ書
Yaeko Mizutani, Ken Uehara, Hideo Fujino, Kyōko Asagiri, Haruhiko Tsuda, Reikichi Kawamura, Hideko Kasuga
- 95 min.
Uta é unha bailarina nunha pequena compañía itinerante liderada por Monroku. Un día, farta dunha vida nómade e de que non a respecten, aproveita o abandono de Monroku e da compañía para comezar a traballar na casa dun antigo coñecido, co que coincidiu facendo de geisha substituta. Alí comeza ensinándolle á filla do seu coñecido, Nuiko, a bailar. Interpretada por unha gran actriz como Mizutani Yaeko, Notes of an Intinerant Performer recolle a tradición do teatro shinpa, ou “novo estilo”, no que se contaban historias melodramáticas, de mulleres sufrindo un destino tráxico polo prexuízo social e a desigualdade. En mans de Shimizu o elemento tráxico suavízase e a historia é contada cunha perspectiva máis sutil.
Foto ©1941 Shochiku Co., Ltd
-
Hiroshi Shimizu – A arte de perderse
Notes of an Itinerant Performer
Versión lingüística:VOSGFormato:16mm.
- Ano:1941
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Kihan Nagase, Taketaka Yagisawa
- Fotografía: Suketarô Inokai
- Montaxe: Yoshiyasu Hamamura
- Produtora(s): Shochiku
Crítica do filme
Andrew Brooks (Senses of Cinema)
Tendo en conta o contexto político no que se estreou a película, Notes of an Itinerant Performer, de Hiroshi Shimizu, é unha obra mestra polo peso político da súa sutileza e ambigüidade, sen deixar de conter todos os elementos estilísticos que caracterizan o seu cinema: o punto de vista obxectivo da toma lateral que permite toques íntimos e fragmentados, as tomas abarrotadas en primeiro plano e a dinámica de poder da súa posta en escena. Cada un destes elementos serve para explorar a situación socioeconómica, a cuestión da performatividade e a axencia das mulleres, cuestións que, en 1941, tiñan un peso profético.
A posición alegórica dos personaxes en cada fotograma e o seu status socioeconómico represéntase abertamente na secuencia central da película, na que Uta tenta restablecer a empresa de té Hiramatsu. Aínda que ambientada en 1901, a película estréase en 1941, nun contexto de relacións comerciais e políticas cada vez máis tensas cos Estados Unidos. Nun momento histórico tan tenso, a inclusión dunha empresa estadounidense na película por parte de Shimizu e a posición dos distintos personaxes adquiren un peso alegórico. (...)
Pero deixando de lado a alegoría política máis evidente, a ambigüidade e sutileza de Shimizu alcanza a súa máxima expresión na cuestión da motivación e a axencia de Uta, tal e como se reflicte no encadramento das tomas; insinúase e subverte un sistema socioeconómico xerárquico a través da localización de Uta nos planos da película.
Na secuencia inicial, na que tres itinerantes atravesan o bosque, Uta segue a dúas figuras masculinas mentres discuten sobre o valor das mulleres: «Cres que somos unha carga?», refírese a Uta, Monroku responde: «...os homes son inútiles, pero as mulleres ás veces axudan». O que implica esta «axuda» irase desvelando ao longo da película. Para Monroku, a «axuda» ten un valor monetario, representado nunha toma pouco despois na que se negocia o valor de Uta nun ábaco situado entre Monroku e o propietario dunha pousada, mentres Uta está ausente do encadramento. Con todo, xusto cando se chega a un acordo, a voz de Uta ecoa fóra da pantalla e interrompe a negociación cun rotundo «non». Esta interpretación pode continuarse plano a plano desde o principio ata o final da película: a submisión esperada de Uta, como actriz itinerante, subvértese e márcase polo encadramento dos personaxes de Shimizu e a voz de Uta.
Tradución propia do inglés.