Sin perdón
Unforgiven
Clint Eastwood, Gene Hackman, Morgan Freeman, Richard Harris, Jaimz Woolvett, Saul Rubinek
- 130 min.
Unhas prostitutas de Big Whiskey ofrecen unha recompensa por mata-los dous homes que desfiguraron o rostro dunha delas. Un pistoleiro novo, Schofield Kid, convence a William Munny, antigo pistoleiro viúvo e xa retirado, de que o acompañe para consegui-la recompensa.
-
10º aniversario do CGAI: o mellor dunha década
Sin perdón
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm.Entrada gratuíta. [+ Los laboratorios Zeltia en sus factorías de Porriño, c.1955, 8']
-
10º aniversario do CGAI: o mellor dunha década
Sin perdón
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm.Entrada gratuíta. [+ Malpica. 1966. 12']
- Ano:1992
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: David Webb Peoples
- Fotografía: Jack N. Green
Porqueiro que volve disparar
Miguel Anxo Fernández (Imaxes dunha década 1991-2001)
O porqueiro William Munny ocupa un lugar de privilexio na galería de anti-heroes do western clásico á altura dos imortalizados por Ford, Hawks, Mann, Walsh ou Boetticher. Tampouco sería xusto esquecerse de Sergio Leone, de quen Eastwood aprendeu que no Oeste se impoñía a mirada e o revólver sobre a acción e a palabra. Cando Munny deixa os seus porcos, retoma o seu turbulento pasado de pistoleiro sanguinario e se dirixe á remota Big Whiskey para gaña-los mil dólares ofrecidos por unhas putas para vingarse do shérif Little Bill Daggett, só pretende salvagarda-la moral cos seus disparos.
En Sin Perdón hai tamén unha viaxe a través da xeografía do xénero, tanto da física nunha paisaxe na que se aprecia a pegada de Mann, como da humana a través dun feixe de personaxes verosímiles pero que ó mesmo tempo resumen maxistralmente o cosmos dun xénero que Eastwood advirte da súa vixencia contra de quen afirmaron a súa morte. No mundo do western non hai bos nin hai malos, hai xente que busca redimirse seguindo motivacións diferentes. Clint só parece tratar con agarimo as putas, quizais as mullerers máis respectadas do Oeste, mesmo por riba das esposas e das nais abnegadas que sen embargo tamén nutriron o xénero.
As meretrices de Sin perdón son as únicas que admiten unha ollada tenra, porque o resto dos personaxes sobrevive nas contradiccións que os erixen como personaxes dun western maxistral, que tenta tamén resumi-la ollada de Eastwood sobre o xénero. Temos a Bob O Inglés, pistoleiro matachín de indios, fanfurriñeiro e contatrolas que se fai acompañar do seu biógrafo. O shérif Little Bill Daggett, un tipo que ten unha idea moi particular sobre a lei e a xustiza pero que resolve os problemas da mellor maneira que sabe, recorrendo á violencia. O colega de Munny, o tamén pistoleiro retirado Ned Logan, que sen embargo sente verdadeiro noxo diante do feito de ter que volver disparar. O xove miope e atrevido que aspira a converterse nun tirador de sona. Xunto a eles a coreografía habitual do xénero de Big Whiskey, paradigma de calquera poboado do Oeste, rexido polas súas propias normas e códigos.
Pero pouco sería de non ter detrás da cámara a Clint Eastwood amosando as súas cualidades de cineasta sobrio, capaz de dota-lo filme dunha sorprendente unidade formal que ten no tenebrismo da fotografía e no seu arrecendo de nostalxia, un sinal de identidade perfectamente definido coa complicidade do operador Jack N. Green. Ou no uso da planificación, tamén espida pero igualmente eficaz, que ás veces lle confire un ton apocalíptico a este Bill Munny, como cando irrompe no salón para a vinganza final. E por suposto no score de Lennie Niehaus trasladando á orquestra o fermoso tema central composto polo mesmísimo Eastwood.
Un feixe de vimbias que artellan un filme memorable que ficará pegado á memoria como o último gran western enfiado coa tradición dos seus mellores mestres. Sin perdón fai unha lúcida simbiose coa mirada enrugada de Munny. Nesas enrugas están os moitos camiños emprendidos polo xénero que agora cristalizan nunha obra mestra.