
A través del huracán
Ride in the Whirlwind
Cameron Mitchell, Millie Perkins, Jack Nicholson, Katherine Squire, George Mitchell, Rupert Crosse, Harry Dean Stanton, John Hackett, Tom Filer
- 82 min.
Tres vaqueiros —Wes, Vern e Otis— son tomados por foraxidos tras atoparen o agocho dunha banda e enfrontárense cunha patrulla de vixilantes. Cando Otis morre, Wes e Vern foxen e refúxianse nunha granxa, tomando á familia como refén mentres o cerco se pecha sobre eles. A súa loita desesperada culmina nun final escuro e fatalista.
- Ano:1966
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Jack Nicholson
- Fotografía: Gregory Sandor
- Montaxe: Monte Hellman
- Produtora(s): Proteus Films, Santa Clara Productions
Monte Hellman fixo westerns como ninguén antes ou despois del
Quentin Tarantino (Sight & Sound, febreiro de 1993)
(...) para min, é a sinxeleza, o ton naturalista, a linguaxe coloquial dos vaqueiros que soa incómoda (porque é moi auténtica), o sentimento de tristura que se respira en cada liña, o estalido de momentos cómicos ridículos, as fermosas interpretacións de Nicholson e Cameron Mitchell, todo iso envolto nunha trama arrebatada, o que fai de A través del huracán un dos westerns máis auténticos e brillantes xamais rodados.
Monte fixo westerns coma ninguén antes ou despois del. Retardou toda a acción para que as escenas transcorresen a un ritmo en tempo real nunca visto nun western. O efecto é case coma se Monte estivese na cabina de proxección, agarrando un anaco de película cando pasa por diante da lámpada e tirando del cara abaixo, de modo que cada fotograma se ilumina durante máis tempo para examinalo mellor. A película ábrese cun atraco a unha dilixencia que produce risa frouxa debido ás maneiras lacónicas dos atracadores. É exactamente o contrario das áxiles escenas de acción ás que nos teñen afeitos (un atracador sempre me arrinca unha gargallada por como aparta un tronco con parsimonia do camiño da dilixencia). En contraste directo co ton de Monte está a trama de Nicholson, que está lonxe de ser existencial. De feito, podería ser facilmente un marabilloso episodio de Bonanza. (…)
Un dos aspectos máis brillantes da película son os escasos e auténticos diálogos de Nicholson, extraídos de cartas e diarios da época. Trátase de xente inarticulada que vive en tempos sinxelos e utiliza un vocabulario parco. (...)
As interpretacións son estrañamente excéntricas. Harry Dean Stanton como o líder dos foraxidos, Blind Dick, e Squire e George Mitchell como os anciáns, están moi ben. Cando coñecín a Harry Dean Stanton díxenlle o moito que me gustaba A través del huracán. Contestoume: «É o mellor western no que participei e un dos mellores que vin».
(…) Pero Hellman construíu a película ao redor das interpretacións de Cameron Mitchell e Jack Nicholson, e é fácil ver por que... estes dous homes son estupendos.
Ver a Mitchell, que desgraciadamente seguiu o camiño de Aldo Ray (outro actor de talento dos anos 50), aparecendo en calquera cousa, incluídas películas porno por diñeiro, facer o traballo sutil, sen modais e persoal que fai aquí, supón derramar unha bágoa por todos os marabillosos actores de cinema que nunca tiveron a oportunidade de voar ata onde o seu talento podería telos levado. Cando un bo actor, que soubo manter os seus instintos mesmo despois de aparecer en telelixo durante moito tempo, consegue un papel de verdade con algo que interpretar, acéndese unha luz especial nos seus ollos. Pódese ver nas interpretacións de Martin Landau en Tucker, de Joe Don Baker en The Natural e de Richard Crenna en Body Heat, todas elas grandes películas que impediron ou salvaron a eses actores de caer no inferno das películas de explotación. Esa mesma luz brilla nos ollos de Mitchell ao longo d’A través del huracán, e é esa luz a que explica a que debe ser a mellor interpretación da súa longa carreira.
Jack Nicholson, en cambio, converteuse nunha das maiores estrelas da historia do cinema. Unha gran estrela e un gran actor, pero máis que iso, Nicholson pasou á categoría de icona cultural como Bogart, John Wayne, James Dean, Marilyn Monroe e Madonna (véxanse as referencias a el en Aladdin, de Disney, e a homenaxe de Christian Slater en Heathers). Calquera que se achegue a A través del huracán coa curiosidade de ver o traballo dunha estrela en cernes sorprenderase.
O traballo de Nicholson en A través del huracán está considerado como unha das súas mellores interpretacións, do mesmo xeito que o traballo de Robert De Niro en Malas calles é unha das súas mellores interpretacións. Nicholson non só está marabilloso no papel de Wes, senón que fai o tipo de traballo serio que me encantaría volver verlle facer (o máis preto que estivo recentemente é o seu traballo na moi deostada Los dos Jakes, que a min, por exemplo, me encantou). Ver a Nicholson facendo algo pequeno, despois dunha década interpretando ao grande, lémbranos que Nicholson se converteu na icona que é non só por ser un gran Nicholson, senón por ser un gran actor.
Tradución propia do inglés.