
Dreamy Fifteen
Tonda kappuru / 翔んだカップル
Shingo Tsurumi, Hiroko Yakushimaru, Mariko Ishabara, Mieko Harada, Toshinori Omi
- 106 min.
Para a súa primeira longametraxe, Shinji Sōmai adaptou o manga de Kimio Yanagisawa, mostrou as súas características longas tomas e o seu interese polas historias de mozos achegándose á idade adulta. Yūsuke Tashiro, seguindo os seus soños de converterse nun avogado, e orixinario de Kyūshū, matricúlase nun prestixioso instituto de Toquio. Debido a un erro da axencia inmobiliaria, termina convivindo coa moza máis guapa da súa escola, Kei Yamaha. Yūsuke sempre terá que estar alerta por se o segredo de que viven xuntos sae á luz.
Imaxe ©1980 Toho Co., Ltd.
- Ano:1980
- Países de produción: Xapón
- Guión: Shoichi Maruyama, Kimio Yanagisawa
- Fotografía: Nobumasa Mizuno'o
- Montaxe: Osamu Inoue
- Produtora(s): Toho
O nacemento dun cineasta
En 1979 o manga Tonda Kappuru convertíase nun dos máis populares dese ano. O seu autor Kimio Yanagisawa adaptábao meses máis tarde ao cine xunto a un emerxente Shoichi Maruyama. Púxose á fronte da dirección Shinji Sōmai, a quen se confiaba este libreto sen ter realizado ningunha longa antes, aínda que na Toho xa sabían do seu bo facer como asistente de Kazuhiko Hasegawa, o autor das míticas The Youth Killer (1976) e The Man Who Stole the Sun(1979).
De Hasegawa, Sōmai parece herdar en Tonda Kappuru o gusto polas tomas longas, o movemento e as angulacións estrañas, nun exercicio decididamente máis contido e moi afastado da expresividade cromática do seu mestre. Nada de excentricidades. Trátase á fin e ao cabo de converter en éxito de público un shōnen –manga para mozos adolescentes– de instituto que transita polas constantes do xénero sen desatarse moito. Mozo coñece moza con acento local e a cantante pop Hiroko Yakushimaru para atraer á rapazada.
A pesar de contar cun material que xoga demasiado sobre seguro, Sōmai xa deu mostras en Tonda Kappuru de puntuais filigranas de estilo, pero sobre todo destaca esta ópera prima pola enerxía e naturalidade que logra extraer dos actores adolescentes. Aínda que non sexa moi orixinal, isto converte a fita nunha comedia de gran ritmo, moi gozosa e un tanto singular.