
Tan poderoso coma o amor
Do 19 de febreiro de 2019 ao 20 de marzo de 2019
O 19 de febreiro César Antonio Molina presentará no CGAI o libro Tan poderoso como el amor (Destino, 2018). Esta obra é unha oportunidade inmellorable para, a partir das súas páxinas e das referencias a unhas duascentas películas, compor un pequeno ciclo que terá o amor como eixo central e que se ha prolongar ata o mes de marzo cunha ducia de títulos. Partindo de La sirena del Mississippi, de François Truffaut, escolleita polo propio autor para a ocasión, o ciclo propón un percorrido por algunhas das grandes películas que teñen o amor como motor das súas tramas narrativas, dirixidas por grandes mestres do cine clásico ou contemporáneo como F. W. Murnau, Ernst Lubitsch, Billy Wilder, Pier Paolo Pasolino ou, xa en marzo, Víctor Erice, Clint Eastwood ou Richard Linklater, entre outros.
No prólogo do libro, César Antonio Molina dinos o seguinte:
“Este libro non é unha antoloxía de películas, nin moito menos, senón que todos os títulos dos que falo simplemente serven ao meu propósito de reflexionar, de meditar e, ás veces, ata de reelaborar narrativamente esta multitude de historias en que o amor aparece coma un sentimento indestrutible malia os protagonistas puideren desaparecer fisicamente. O amor, desde o Renacemento, enmascarou a torpe e ás veces brutal sexualidade cun velo de pureza, beleza, amizade, comprensión e complicidade, sentimentos espirituais por riba da pura materialidade irracional. O amor é o elemento fundamental para a creación da felicidade humana, un ben sempre escaso. Non hai grandes períodos felices, senón só momentos felices, e estes unicamente os fornece o amor: a unión entre dúas persoas alleas que se fan cómplices das súas vidas e encamiñan a súa atracción.
(…) O amor e a morte evolucionaron paralelamente. O cine quixo namorar a morte, o cine tamén quixo levar o amor alén da morte a través das lembranzas inmortais e nos nosos tempos de desenvolvementos tecnolóxicos pretende apoiarse neses instrumentos para, outra vez, crear a ficción do amor máis aló do tempo e do espazo. E o amor, a súa maneira de exercelo, non é unicamente dunha soa forma, senón multíplice.
(…) Este libro é unha meditación filosófica sobre a vida e a morte tomando como escusa o cine. E unha das conclusións do libro é que ninguén que ame morrerá de todo. En Paseo por el amor y la muerte de John Huston, cando os amantes mozos, logo de fuxir da morte pola Francia medieval en guerra contra Inglaterra, ven xa inminente o seu final, detéñense, buscan o refuxio nun convento abandonado e entréganse ao amor. Este libro é un libro de pensamento, mais tamén é unha reescritura narrativa a través da reinterpretación de case douscentos filmes. Podería ser por tanto tamén un libro de relatos.
Mais por riba de todo é un libro de amor (nunca mellor dito) ao cine, ao pensamento, á filosofía, á pintura e á literatura. E é un libro que opta claramente polo amor fronte á morte.”
César Antonio Molina

La sirena del Mississippi

Amanecer

Ángel

Perdición

Edipo, el hijo de la fortuna

Saraband

Antes del amanecer

Breve encuentro

Antes del atardecer

El sur
