EDUARDO COUTINHO. MIRADA E VOZ (PUNTO DE VISTA)
Do 1 de marzo de 2013 ao 30 de abril de 2013
En colaboración con Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra.
Breve retrospectiva do cineasta Eduardo Coutinho, autor da maxistral Edificio Master (2002), recoñecido como o gran documentalista do Brasil das últimas tres décadas desde que no ano 1985 recuperara un proxecto inacabado da década anterior que acabaría sendo Cabra marcado para morrer, título chave da filmografía brasileira e latinoamericana. Eduardo Coutinho ten unha traxectoria moi singular no cine brasileiro. Nado en São Paulo, Brasil, en 1933, é contemporáneo de moitos cineastas do Cinema Novo e mais amigo e colaborador de varios deles. Afírmase como director en solitario a comezos dos anos oitenta, con case cincuenta anos de idade, nun contexto enteiramente diferente ao do Brasil dos sesenta.
Ao longo da súa traxectoria converteu o seu traballo cinematográfico na voz dos brasileiros. As súas películas son espazos abertos, ofrecidos e pactados cos seus protagonistas, en que o realizador mira, observa e retrata un país vital en pleno proceso de mudanza. Películas que non se limitan a mirar e ofrecer un espazo de voz aos seus protagonistas, senón que se converten en verdadeiras paisaxes humanas dun país nos que o imaxinario ten tanta importancia, senón máis, ca o real.
A súa formación aparece relacionada co dereito, o teatro e o xornalismo que exerceu durante moito tempo. É autor de textos sobre o cine brasileiro presentes en diversas publicacións. O seu primeiro contacto co cine foi en 1954 nun seminario. Dende este ano e ata 1957 edita a revista Visão para estudar cine no respectado Institut des Hautes Études Cinématographiques (IDHEC) de París. Colabora no guión ou na produción de importantes filmes dirixidos por Leon Hirzsman (A Falecida, Garota de Ipanema), Eduardo Escorel (Lição de Amor), Bruno Barreto (Dona Flor e seus dois maridos) e Zelito Viana (Os Condenados).
En 1975, Coutinho intégrase no equipo do Globo Repórter, onde permanece nove anos, experiencia que resulta un éxito formativo e lle fai tomar a decisión de realizar cine documental. Malia a censura, o equipo (integrado por Paulo Gil Soares, João Batista de Andrade, Jorge Bodansky e Oswaldo Caldeira, entre outros) consegue tratar con profundidade numerosos temas. A esta etapa pertencen documentais de Coutinho como Seis Dias em Ouricuri (sobre a seca e os difíciles traballos no sertão), O Pistoleiro de Serra Talhada (sobre a bandidaxe no nordeste), O Imperador do Sertão (sobre o coronel Teodorico Bezerra) e O Menino de Brodósqui (sobre o pintor Cándido Portinari).
Agradecementos: Museo Reina Sofía, VideoFilmes, Cinemateca Brasileira.