Terence Davies
Do 1 de outubro de 2008 ao 31 de outubro de 2008
En colaboración co Festival Internacional de Cine de San Sebastián e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
O Centro Galego de Artes da Imaxe colabora un ano máis, logo da experiencia do ciclo consagrado en 2007 a Philippe Garrel, co Festival Internacional de Cine de San Sebastián na organización dunha retrospectiva sobre un director contemporáneo, esta vez o cineasta británico Terence Davies (Liverpool, 1945). Acompañado da publicación compartida, “Terence Davies. Los sonidos de la memoria”, coordinada polo crítico Quim Casas, ofrecemos un completo percorrido pola obra dun dos cineastas máis singulares e innovadores do actual cine europeo, un autor de obra persoal e evocadora, pioneira na procura de novas linguaxes entre a ficción, a autobiografía e o documental, cun especial protagonismo da música. Entre as súas películas encontramos títulos como Distant Voices, Still Lives (Voces distantes, 1988), The Long Day Closes (El largo día acaba, 1992) e The House of Mirth (La casa de la alegría, 2000).
Despois dun silencio de oito anos, Davies presentou no último Festival de Cannes, a súa nova película, Of Time and the City, recibida pola crítica internacional como unha das propostas máis inspiradas e emocionantes do cine recente. Documental sobre a vida cotiá no Liverpool dos anos 50 e 60 construído co inconfundible selo emocional e persoal de Davies, e mirada irónica e analítica sobre a evolución da sociedade, brinda a ocasión de revisar unha obra breve que se revela como unha poderosa influencia nos máis renovadores cineastas actuais. Seis longametraxes realizadas entre 1984 e 2008, a primeira delas composta por tres curtametraxes previas, dan idea da minuciosidade e dedicación coa que elabora as súas obras. Os encadramentos, os movementos de cámara, as escollidas e significativas músicas ou o inusual traballo cos actores protagonizan a súa narrativa, revisando a memoria da sociedade desde as emocións e rescatando a historia desde unha perspectiva oposta aos grandes acontecementos oficiais, cun discurso tan lírico como contundente. O paso do tempo, a relixión, a homosexualidade e as relacións familiares son algúns dos seus temas habituais. As músicas extraídas da memoria colectiva teñen unha importancia primordial nos seus títulos. Desde pezas de música clásica a cancións de Nat King Cole, Peggy Lee ou Doris Day, Davies logra unha relación entre a imaxe e o son poucas veces conseguida, e adiántase aos logros posteriores de cineastas tan diferentes como Tarantino ou Wong Kar Wai.
Director, guionista de todas as súas películas e ocasional novelista e actor, pertence a unha familia católica de clase traballadora, sendo o máis novo de dez fillos. Coetáneo de directores como Derek Jarman, Peter Greenaway, Bill Douglas e Sally Potter, comeza ao amparo do British Film Institute, coa curtametraxe de tinturas autobiográficas Children (1976). Na National Film School realiza Madonna and Child (1980), que ten continuación nunha terceira curta, Death and Transfiguration (1983). Estas tres pezas reunidas constitúen a súa primeira longametraxe, Trilogy (1984). Logo de Of Time and the City (2008), que mostra un maxistral uso do material de arquivo para elaborar un discurso emocional e crítico sobre a evolución urbanística ao longo do último medio século, a partir da súa cidade natal, Terence Davies ten xa un novo proxecto en marcha que rodará este mesmo ano. Davies é ademais autor da novela Hallelujah Now (1984) e produciu adaptacións radiofónicas de obras de Virginia Woolf.
Agradecementos: Hanway (Gran Bretaña), Park Circus (Gran Bretaña), British Film Institute (Gran Bretaña), Jos Oliver, Rosebud Films, Iberoamericana Films, Lola Films, Alta Films.