Hirokazu Kore-Eda
Do 1 de abril de 2007 ao 30 de abril de 2007
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Las Palmas e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
Desde os anos dos Novos Cines, a década dos 60, non aparecera unha xeración de cineastas que volvera poñer a Xapón no mapa cinematográfico. Hirokazu Kore-eda (Toquio, 1962) é un dos representantes máis destacados desta nova xeración, considerado parte da corrente intelectual deste grupo, formado en torno á figura do crítico Shigehiko Hasumi na Escola de Cine de Toquio. Graduado en literatura, Kore-eda comeza traballando como axudante de dirección na realización de documentais, ata que en 1991 dirixe Leccións dun tenreiro (1991). O seu primeiro título de ficción, Maboroshi (1995), premio en Venecia, contiña unha serie de elementos que reaparecerán en After Life (1998), Distance (2001), Nadie sabe (2004) e Hana (2006): a preocupación pola morte e a memoria; a aparición de personaxes que pactan con situacións de perda ou desaparición, combinado cun estilo que funde o realismo directo de inspiración documental cunha estilización delicada, moi minimalista. Considerado un dos directores máis interesantes e persoais do cine contemporáneo, os seus títulos, sempre melancólicos, sérvense de técnicas narrativas que imprimen á ficción un aire naturalista, impregnado de atmosferas cribles. O seu segundo filme, After life (1999), foi un auténtico éxito internacional —a Fox ultima a produción dun remake—; Distance presentouse a concurso na edición de Cannes 2001 e a recoñecida Nadie sabe, tivo estrea mundial en Cannes 2004. A súa última película, Hana (Hana yori mo naho, 2006) igualmente foi merecedora de diversas distincións tras o seu paso por prestixiosos festivais internacionais. Hirokazu Kore-eda, dono dun estilo fresco, directo e depurado, é unha figura clave para entender o presente do cine xaponés. Unha faceta menos coñecida, a de produtor de prestixio, completa o seu incansable labor. A través da súa compañía de produción avala operas primas de novos directores que hoxe son recoñecidos internacionalmente, desde Kakuto (2003) de Yusuke Iseya, presente en Rotterdam 2003, a Froitos Salvaxes (2003) de Miwa Nishikawa. O CGAI ofrece unha completa retrospectiva da súa obra, deixando aberta a posibilidade de completar o ciclo durante o mes de maio coa proxección da súa última longametraxe, Hana.
Agradecementos: Hirokazu Kore-eda, Celluloid Dreams (Francia), Pascale Ramonda, Wild Bunch (Francia), Esther Devos.