Western
Western
Meinhard Neumann, Reinhardt Wetrek, Waldemar Zang, Detlef Schaich
- 121 minutos
Un grupo de traballadores alemáns chega a unha afastada vila búlgara para construír unha central hidráulica. Mais perante a falta de recursos e agardando por eles, matan o tempo con actividades anódinas. A súa actitude fachendosa coa paisaxe, a contorna e as mulleres da aldea conformarán elementos de tensión cos habitantes do lugar, cos que só un dos traballadores semella desenvolver unha relación cordial e de curiosidade.
Tomando varias das constantes temáticas do western e a capacidade do xénero para realizar un comentario político, Grisebach crea un relato poliédrico, en que un dos principais intereses é a desigualdade que debuxa entre o concepto económico da Europa do Norte / Sur ou as tensións políticas latentes do Oeste / Leste.
-
En la frontera
Crítica de Manu Yáñez en Otros Cines Europa
Trailer do filme
Versión orixinal subtitulada
Western, de Valeska Grisebach
Mónica Delgado (Desistfilm)
A zona de fronteira entre Bulgaria e Grecia é o escenario para un drama intenso que contrasta co estilo mesurado de Valeska Grisebach. Un traballador alemán e a súa confrontación e discreta aceptación nunha comunidade rural debido ao idioma e aos costumes e identidades locais é o argumento central deste filme austríaco que abriu con bastante expectativa a sección Un Certain Regard nesta edición de Cannes.
Grisebach non establece polaridades marcadas, mais trátase de describir este proceso de encontro dun tipo parco, pouco expresivo mais de sentimentos na flor da pel, que quere inserirse neste contorno de homes ásperos, onde apenas a calor social aparece a partir do seu contacto con algúns personaxes femininos: unha matriarca e unha moza que sabe algo de alemán. A cineasta detense nesta aprendizaxe, que vai esnaquizando barreiras culturais grazas a xestos e situacións propias do universo masculino: conversas acompañadas de alcol e sobre a vida laboral.
A problemática deste forasteiro (un sorprendente Meinhard Neumann) complícase cos avatares da construción dun novo curso dun río que fornece de auga a vila e que se converte en eixo das transaccións entre os homes, quen fan e desfan a sorte deste colectivo.
Grisebach dota o seu filme de vellos paradigmas do forasteiro, quizais como adoitaba pasar nos filmes do xénero ao que remite o título, cos avatares dun heroe outonal, un outsider a cabalo, solitario, sen familia e sen nada que perder tratando de crearse un novo lazo afectivo neste espazo que o vai sacando fóra do lugar cada vez máis de modo impresionante. E é aí onde se atopa a alma que Grisebach pon no filme, adorando o seu personaxe, enfocando toda unha carga social arredor das diferenzas en Meinhard, como se se tratase da encarnación de toda unha problemática vixente na súa maneira de relacionarse, nos seus silencios, nas súas mímicas para se comunicar e na súa necesidade de integración.