Red Hollywood
- 114 minutos
Ensaio fílmico a respecto de artistas en Hollywood que a caza de bruxas de Joseph McCarthy logrou arrecantar practicamente no esquecemento.
- Ano:1996
- Países de produción: Estados Unidos
Ensaio fílmico a respecto de artistas en Hollywood que a caza de bruxas de Joseph McCarthy logrou arrecantar practicamente no esquecemento.
Feito en colaboración con Noël Burch, o vídeo Red Hollywood é produto dos anos de investigación de Andersen da listaxe negra de Hollywood, un proxecto máis amplo que inclúe varios ensaios e un libro, Les communistes de Hollywood: Autre chose que martyrs, tamén escrito con Burch, que ten publicación ademais en inglés. No corazón do proxecto de Andersen radica o convencemento de que, ao contrario do que indican os pusilánimes apoloxistas liberais, moitos dos guionistas, directores e produtores que rexeitaron testificar perante o HUAC non só eran involucrados esquerdistas de diversos tipos, senón que moitos deles produciron filmes de sentido político; tal como deixou escrito no seu primeiro ensaio sobre o tema: “Sería unha inxustiza para os que foron incluídos na listaxe dicir que non o merecían. A historia da listaxe negra debe ser digna de todos eles”.
No vídeo, este argumento desenvólvese persuasivamente a través da narración de Billy Woodbury. Mais trátase de algo máis que a versión cinematográfica dos argumentos que Andersen e Burch xa desenvolveran antes. Mediante longos extractos de máis de 50 filmes e de entrevistas con artistas que foran incluídos na listaxe, como Abraham Polonsky, Paul Jarrico e Afred Lewis Levitt, Andersen e Burch danlle aos filmes e aos cineastas espazo para falaren por si propios, ás veces para confirmaren, ás veces para contradiciren, as declaracións dos propios cineastas. A estrutura dialéctica do vídeo produce un monumento tridimensional ao poder polisémico do cine. Alén destas declaracións en concreto, Red Hollywood insiste na necesidade política das formas de artes populares e na dignidade dos ás veces impopulares artistas que as usan.
Colin Beckett