
Rapa
- 115 min.
O cabalo galego de monte está a desaparecer, só unhas poucas bestas resisten acosadas polos bandidos, os lobos... e agora tamén polos parques eólicos. Ao seu carón, a pequena aldea de Sabucedo preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Unha vez ao ano a aldea celebra a “Rapa das Bestas" e 15.000 persoas acoden a presenciar o atávico, os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Cando todos marchan, ninguén ve a realidade detrás da rapa: cada ano hai menos bestas no monte e –coma nun espello– menos xente na aldea.
-
Off Galicia
Rapa
Versión lingüística:VOFormato:DCPPresentación e coloquio co director. Entrada de balde.
-
- Ano:2024
- Países de produción: España
- Guión: Alejandro Enríquez
- Fotografía: Jaime Pérez
- Montaxe: Susana Sotelo, Javier Brun, Alejandro Enríquez
- Produtora(s): Rapa A Película AIE
-
Entrevista con Alejandro Enríquez
Marta Echevarría (Hoy empieza todo 2, Radio 3)
Tráiler
VO
Documentar o elidido
A rapa das bestas de Sabucedo é patrimonio inmaterial de Galicia e unha das xustas máis representadas da nosa cultura. O descenso dos montes dos cabalos salvaxes e a loita cos animais para lles cortar as prezadas crinas ten sido filmado en múltiples ocasións. As fotografías, de afeccionados e profesionais, abundan tamén. Con algunhas instantáneas destas, penduradas nas rúas da vila, decide abrir Alejandro Enríquez o seu filme Rapa, xente ao monte. Mais non son estes planos de violentos movementos nin ateigados de curiosos que presencian un espectáculo, trátase de espazos baleiros, con imaxes impresas que sofren xa o paso do tempo, sen o brillo de cando estes carteis foron instalados. Así, a fita ofrece xa unha declaración de intencións evidente: filmar o que acontece cando as demais cámaras xa marcharon, entre festa e festa.
Deste xeito, cunha aproximación de cinema directo que segue a varias persoas implicadas na súa preparación, o espectador asiste aos diferentes coidados do monte, á contemplación das bestas que os pastores estudan durante todo o ano, ás dificultades para manter viva esta tradición, que pasan agora polo impacto medioambiental que a instalación masiva de muíños de vento na zona está a provocar.
Con respecto a outros traballos previos deste estilo, destaca tamén Rapa, xente ao monte polos precisos planos aéreos con tomas dende drons, o que permite documentar o comportamento dos cabalos en mandas e capturar os movementos do rabaño na súa totalidade.
Filme honesto e sen pretensións artísticas elevadas, cun punto militante, a fita resulta eficaz no seu trazo do devir dunha tradición en perigo de morte, reivindicada aquí con agarimo.