Por arte de maxia: a animación experimental segundo Elena Duque
- 90 min.
Esta sesión, introdución ás influencias e ao universo creativo de Elena Duque, componse dunha conferencia ilustrada e dunha serie de películas que a influíron, acompañaron e alentaron no seu camiño. Veremos películas centradas nas formas creativas da colaxe animada, con pinceladas de flicker, rotoscopia e mesmo incursións costeiras. E coñeceremos os seus segredos, trucos e investigacións: todo o que sempre quixo saber sobre animación experimental e nunca se atreveu a preguntar.
CONFERENCIA ILUSTRADA por Elena Duque. 45 min.
PROGRAMA – Carta Branca
Wasteland No. 1: Ardent, Verdant (Jodie Mack, 2017) 4 min.
Wasteland é unha serie de películas animadas de Jodie Mack, nas que a reflexión sobre o turbocapitalismo consumista no que vivimos se mestura cunha rigorosa e colorida exploración do flicker. Nesta entrega, placas base e mapoulas mestúranse nun pestanexo tipo Rose Lowder, é a rebelión de Mack que torna o lixo en arte.
Fist Fight (Robert Breer, 1964) 11 min
Cando máis glorioso se volve o cinema de Breer é cando a súa experimentación coas posibilidades da animación se mestura coa súa propia vida. Fist Fight foi un dos seus primeiros pasos nesa dirección que xa sería definitiva, mesturando fotos familiares, caricaturas animadas e colaxe. Unha película que foi presentada en 1964 como parte da premiere da peza Originale do compositor Karlheinz Stockhausen.
Vagues à Collioure (Jean Michel Bouhours, 1991) 6 min.
As posibilidades da combinatoria de imaxes explotan a base de fotos e películas domésticas dun día de praia. Dotando de movemento o inmóbil, e traspasando as fronteiras da percepción a base de debuxo e colaxe, Bouhours deleita e sorprende.
Shorelines (Al Jarnow, 1977) 3 min.
A animación sae do estudio e dá un paseo polo mundo real. Seguindo o baño de mar Bouhours, Jarnow xoga coas cunchas e pedras colleitadas nun paseo pola costa.
Winners Bitch (Sam Gurry, 2018) 7 min.
Unha pequena biografía animada dunha criadora de cans, coa que Sam Gurry nos dá unha lección sobre como aproveitar a colección de fotos dunha vida.
Reverse Shadow (Janie Geiser, 2019) 8 min.
Coa súa característica delicadeza e misterio, Janie Geiser paséanos por certo sentimento apocalíptico difuso, un perigo inminente. A luz, as sombras e materiais atopados de belas texturas e cores dannos paso a unha película tan sixilosa como suxestiva.
Spain Loves You (Isabel Herguera, 1988) 6 min.
A animadora recíbenos no seu estudio nada máis empezar a película. En Spain Loves You, Isabel Herguera torna a grisura da España da ditadura en colorido e humor a base de colaxe e pintura animada artesanal.
-
Desencadres: Elena Duque
Por arte de maxia: a animación experimental segundo Elena Duque
Versión lingüística:VOSGFormato:16mm.Presenta: E. Duque.
- Ano:1964-2019
- Países de produción: Canadá, España, Estados Unidos, Francia