Desencadres: Elena Duque
Do 27 de marzo de 2026 ao 28 de marzo de 2026
Se o cinema ten unha verdadeira misión é a de incitar á fuga, achegarnos á éxtase, deixarnos colgados en plena pausa... en definitiva, arrebatarnos. Todo iso sucede dunha maneira natural e espontánea ao penetrar no cinema da hispanovenezolana Elena Duque. Cineasta, programadora, crítica e docente, as súas películas transitan entre a animación e a colaxe, incorporando formatos e métodos do cinema analóxico onde revisa temas como a identidade e o sentido de pertenza mediante exercicios plásticos sobre lugares, obxectos e texturas. As súas pezas experimentais e animadas viaxaron polos principais festivais internacionais de cinema —Róterdan, Berlín, Mar del Plata, Valdivia ou Punto de Vista—, e centros de arte como o CCCB de Barcelona ou Kino Arsenal en Berlín, entre outros. Todo o seu cinema estará ao alcance da man nesta sesión que percorre cada un dos ángulos da súa filmografía, rica en formatos e grandes ideas, onde todo brilla e cobra vida. Ademais, o programa complétase cunha carta branca sobre o cinema de animación que considera influente no seu traballo.
por Ángel Rueda.