![Into the Picture Scroll: The Tale of Yamanaka Tokiwa [No pergamiño de imaxes: a historia de Yamanaka Tokiwa]](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/tokiwa_05.jpg?itok=SyWFW-al)
Into the Picture Scroll: The Tale of Yamanaka Tokiwa [No pergamiño de imaxes: a historia de Yamanaka Tokiwa]
Yamanaka Tokiwa: Ushiwakamaruto tokiwa gozen hahato kono monogatari / 山中常盤ー牛若丸と常盤御前 母と子の物語
Michie Kita, Kyoko Kataoka
- 100 min.
Cativador e experimental, este documental penetra na rica armazón da historia e da cultura xaponesas a través da ollada da arte clásica.
A película desencarta meticulosamente a historia lendaria de Lady Tokiwa, asasinada por uns bandidos cando se dirixía a visitar o fillo samurai, un popular relato no teatro de marionetas inmortalizado en antigos pergamiños pintados hai catrocentos anos e considerados hoxe patrimonio nacional.
O filme combina unha fotografía exquisita, que traspón fotograma a fotograma as pinturas estáticas do pergamiño, coa reconstrución da biografía do autor Matabei Iwasa, e unha banda sonora de nova composición con narración cantada e música de shamisen.
- Ano:2004
- Países de produción: Xapón
- Guión: Sumiko Haneda
- Fotografía: Kikumatsu Soda, Hiromitsu Wakabayashi
- Produtora(s): Mitsuru Kudo
O pergamiño de imaxes en cine
Sumiko Haneda
Os pergamiños de imaxes, moi populares a finais dos períodos Heian (794-1185) e Muromachi (1333-1568), foron o florecemento da pintura xaponesa e poden considerarse a orixe da animación e do cómic actuais. Durante moito tempo xa estivera pensando que sería moi interesante facer unha película que virase ao redor dun pergamiño de imaxes. Dise que o pergamiño «Yamanaka Tokiwa» é obra do artista Iwasa Matabei, pioneiro do «ukiyo-e» (estampas da vida cotiá no período Edo). Trátase dun longo pergamiño composto por doce rolos cunha lonxitude total de 150 metros. (…) Cando fixen unha película titulada Fuzoku-ga-kinseishoki (Genre Painting – Edo Period) para o Museo Nacional de Toquio hai trinta e sete anos, ocorréuseme a idea de facer unha película cun pergamiño de imaxes. Daquela celebrábase en Francia unha exposición, e antes de devolver os cadros aos seus propietarios, o museo pensou que sería bo rexistralos en película.
Decepcionoume un pouco ver ese tipo de pinturas no almacén do museo. Na penumbra, persoas de diversa condición aparentaban inertes, sen vida, neses biombos que se encartaban. Con todo, sorprendinme cando os vin iluminados a través do obxectivo da cámara. As imaxes parecían animadas e chispeantes. Ao velas de preto, sorprendéronme as pinceladas seguras e precisas. Pensei que, posto que os cadros de costumes son tan interesantes, un pergamiño ilustrado, no que a historia se desenvolve dramaticamente, podería producir imaxes aínda máis interesantes. Desde entón, atraéronme varios pergamiños, mais os que máis me gustaron son os clásicos dos tesouros nacionais e era imposible obter permiso para filmalos. Entón lin o libro do historiador da arte Tsuji Nobuo titulado Kiso no Kefu (Rastrexando a orixe das ideas fantásticas), e aprendín sobre Iwasa Matabei e os seus pergamiños de imaxes. Ao mesmo tempo descubrín que o escritor Yasuoka Shotaro tamén estaba interesado nas obras de Iwasa. Afortunadamente, coa axuda do señor Tsuji e o Sr. Yasuoka, o MOA (Museo de Arte), que posúe «Yamanaka Tokiwa», permitiume filmalo. (…)
Foi en 1992, oito anos logo de obter o permiso para filmar, cando comecei a traballar. Sempre hai que ter moito coidado ao filmar bens culturais importantes. O equipo de rodaxe nunca toca estes elementos. Para a iluminación usamos un filtro que absorbe a calor e filmamos só con luz natural reflectida. Creáronse copias a escala real do pergamiño antes de rodar e decidimos os procedementos específicos de rodaxe facendo un storyboard de cada escena para mostrar cal das copias ía filmar e como. A mesa sobre a que se colocaron os pergamiños fabricouse por encarga a medida. A cámara fixouse nunha posición determinada, xa que o seu movemento podía provocar un accidente e danar os pergamiños; a mesa na que se colocaban os pergamiños desprazábase sobre un raíl.
As historias dos pergamiños de imaxes sempre se desprazan na súa lectura de dereita a esquerda. O meu reto era superar esta restrición. Supoño que os artistas daquela época tamén tiñan dificultade para batallar coa restrición de que o contido do pergamiño debese fluír de dereita a esquerda. Mais ao mirar os cadros de Iwasa Matabei, paréceme que o superou de xeito doado e que debuxaba libremente no tempo e no espazo. Decidín seguir o seu exemplo e mostrar o seu ambiente con certa liberdade, áo tempo que mantiña o fluxo principal de dereita a esquerda. A rodaxe do pergamiño durou corenta días.
Aínda que a rodaxe do pergamiño terminara, pasarían outros once anos antes de que comezase a editala en 2003. Durante ese intervalo, tiven tarefas máis urxentes e non puiden dedicar tempo ao pergamiño de imaxes. Sentíame culpable co MOA e cos Sres. Yasuoka e Tsuji por non poder manter o meu compromiso de cooperación. Houbo momentos en que me preguntaba se podería rematar o pergamiño en vida. Sentíame moi atraída pola personalidade única do artista Iwasa Matabei, así como pola emocionante historia do pergamiño «Yamanaka Tokiwa». O pai de Matabei era o señor Murashige do castelo de Arioka, en Itami, que se rebelou contra o goberno de Oda Nobunaga, no seu intento de unificar Xapón como nación. Despois de que Murashige escapase do castelo, máis de 600 membros da súa familia e criados, incluída a nai de Matabei, Tashi, foron executados. Sendo aínda un bebé, Matabei foi salvado en segredo e máis tarde atinxiu un grande éxito como artista. Eu sentía que Matabei deixara reflectido o amor pola nai en «Yamanaka Tokiwa».
(Artigo orixinal aparecido no xornal Nikkei de Tokio o 14 de outubro de 2004. Tradución desde o inglés realizada a partir das notas do catálogo da Berlinale en 2005)