
Persona
Persona
Liv Ullmann, Bibi Andersson, Margaretha Krook, Gunnar Björnstrand, Jörgen Lindström
- 85 minutos
Unha actriz de teatro perde a voz nunha representación de Electra e é hospitalizada. A súa enfermeira non deixa de falarlle para forzala a superar o seu mutismo.
-
-
-
Cero en conducta. Seminarios e talleres de imaxe
Persona
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm.Presentación. Entrada gratuíta. Aforo limitado.
- Ano:1966
- Países de produción: Suecia
- Guión: Ingmar Bergman
- Fotografía: Sven Nykvist
- Montaxe: Ulla Ryghe
- Produtora(s): Svensk Filmindustri
-
Sontag sobre Persona
Artigo orixinal de Susan Sontag aparecido en Sight & Sound no número de outono de 1967 (dispoñible só en inglés)
Sven Nykvist - Mi filmografía junto a Ingmar Bergman
Documental sobre a filmografía do director de fotografía Sven Nykvist a canda Ingmar Bergman, baseado nas entrevistas concedidas a Peter Ettedgui e publicadas en Cinematography Screencraft. Realización, edición e narración por Javier Ballesteros.
Notas para a presentación de Persona no MoMA de Nova York en 2014
Charles Silver
Por moito tempo defendín (e atopábame máis cómodo con elas) as películas máis narrativas ou lineais de Ingmar Bergman (Fresas salvajes, El manantial de la doncella) fronte aos que consideraba traballos máis pretensiosos ou ensimesmados. Dalgún xeito, non obstante, Persona é quen como ningunha outra de soldar a fenda entre o mundo de Bergman e o noso mediante a virtude da súa brillante pericia. Como Andrew Sarris dixo, o filme “semella embruxar o público mesmo cando o desconcerta. O perenne crebacabezas por intentar saber que significa todo está moi propiamente subordinado á beleza e intensidade coa que as caras, seres e persoas se confrontan na pantalla”.
Por un banda, Persona parece ser un acto confesional de Bergman sobre a súa crueldade, e a doutros artistas, á hora de atopar material para o seu traballo no sufrimento real da xente. Así, a actriz Liv Ullmann usa a revelación da enfermeira Bibi Andersson (no seu longo monólogo), de comportamento indiscreto. Andersson graduouse na mesma escola de teatro en Estocolmo que Greta Garbo e Ingrid Bergman. As súas moitas aparicións nos filmes de Ingmar, a comezar con Sonrisas de una noche de verano, convertérona nunha estrela. En 1966, Ingmar sen dúbida coñecía todos os seus segredos. (...)
Hai varias suxestións dunha atracción homosexual entre as personaxes de Andersson e Ullmann, especialmente na escena en que as dúas mulleres están pelando champiñóns. Daniel Humphrey, no seu novo libro Queer Bergman, resalta que o director se referiu a si mesmo no seu diario coma un “home lésbico” e que se dá certo grao de ambigüidade sexual en moitos dos seus filmes. Por suposto, casou cinco veces (sen contar a Ullmann) e foi pai de oito cativos. No que se refire á multitude de interpretacións de Persona, vostede é quen paga e é quen decide. Directores tan variados como Stanley Kubrick, Woody Allen, Robert Altman e David Lynch téñenlle rendido homenaxes á película nos seus traballos. Susan Sontag consideraba Persona o mellor filme xamais feito.
Alén das tipicamente inmaculadas interpretacións das dúas estrelas, a fotografía de estilo documental de Sven Nykvist en Fårö evoca (para min) a illa de Michelangelo Antonioni en La aventura, no seu sentido premonitorio de illamento e ameaza. En moitos sentidos, Bergman está a cuestionar o medio en si mesmo, ao que dedicou a súa vida (mesmo coas súas incursións na ópera e o teatro). Canta verdade ou realidade pode mostrar a cámara? Canto pode revelar o artista? E a pregunta que chega sempre con Bergman: canta “dor universal”, como indica Robin Wood, pode o público aturar e comprender?