
Park
Park
Dimitris Kitsos, Dimitra Vlagkopoulou, Enuki Gvenatadze, Lena Kitsopoulou, Yorgos Pandeleakis, Thomas Bo Larsen
- 100 minutos
Unha década logo dos Xogos Olímpicos de 2014 en Atenas, un grupo de rapaces deambula polas ruínas da Vila Olímpica, a interpretaren as súas versións dos deportes e organizando apareamentos de cans por diñeiro.
-
-
-
Cineclube Lumière
Park
-
-
-
Crítica en Cine maldito
Por Cristina Ejarque
Trailer do filme
Versión orixinal subtitulada
De entre los escombros del capitalismo
María Jacarilla (Contrapicado)
Dez anos logo das Olimpíadas celebradas en Atenas, a súa Vila Olímpica converteuse nunha sorte de metáfora do destino que lles está tocando afrontar nestes momentos aos países máis desfavorecidos da Unión Europea. A pesar da alegría que supuxo para o país a obtención dun número récord de medallas, no longo prazo a repercusión máis definitoria foi sen dúbida a do desaxuste orzamentario que supuxeron os miles de millóns de euros que custou o evento. 5.000? 15.000? 25.000? Semella que ninguén o sabe con certeza. Daquela, claro, o diñeiro non parecía supoñer un problema (non, aquí en España tampouco, acordádesvos?). Mais, como unha desas temidas enfermidades que avanta de modo lento aínda que imparable, a crise afianzaríase poucos anos despois e con ela chegarían os queixumes polo capital desbaldido e a falta de orzamento para manter unhas descomunais instalacións que perderan xa toda a súa razón de ser (para que precisa Atenas dous campos de béisbol?). A día de hoxe, unha morea de instalacións en desuso e algunhas casas que o goberno sorteou entre familias desfavorecidas son o único rastro que queda de toda aquela euforia. Coma no famoso conto da leiteira, as promesas de progreso, traballo e crecemento para aqueles países que deciden acoller macroeventos de tal envergadura adoitan acabar polo chan. O entusiasmo que precede o acontecemento en cuestión provoca un agradable espellismo, mais as consecuencias no longo prazo dos excesos cometidos son sen dúbida devastadoras.
Na súa ópera prima, a directora grega Sofia Exarchou decidiu achegarse a un lugar coma este, a Vila Olímpica de Atenas, e mostrar a rutina dun grupo de rapaces que, a falta de algo mellor, pasan os seus días atrapados entre as ruínas dese soño que non puido ser; o dunha Unión Europea xusta e igualitaria que non se dedicase a impoñer un capitalismo salvaxe estrangulando os seus membros máis débiles a base de débedas, recortes e austeridade. Mozos que apenas falan, que dedican o seu tempo a se relacionaren coa manda de xeito un tanto primitivo, a se enfrontaren en inútiles competicións, a realizaren agresivas demostracións de valentía e testosterona que lles permitan, ao menos durante un anaco, esquecer a sensación de absoluta impotencia que lles provoca o sistema imperante. Unha ficción que, de tan plausible, convértese en arrepiantemente familiar.
Afastada dos parámetros do cine grego predominante (ao menos, os do cine grego que chega de cando en vez ás nosas pantallas), a ollada de Exarchou deixa en segundo plano o desenvolvemento argumental e céntrase sobre todo no tratamento dos personaxes e a captación –en certo modo naturalista– dese ambiente de desencanto e frustración. Como se non houbese un mañá (porque, efectivamente, tavez non o haxa), os adolescentes de Park emborráchanse, gritan, foden e fan todo o que poden para esquecer que, probablemente, non haxa futuro para eles. Habitando ao seu pesar unha ruína que foi deseñada para o triunfo, observan devagar as cicatrices que neles vai deixando a pasaxe do tempo, ven os días pasar e albergan unha secreta esperanza nesa horda ocasional de turistas primeiromundistas que, ao cabo, se atopan tan desorientados coma eles.