
A metade da vida
Evaristo Calvo, Isabel Vallejo, María Bouzas, Ernesto Chao, Alfonso Agra
- 78 min.
Esta é unha historia sobre os límites do amor, amores que acaban e comezan, vividos por seres que arriscan e transitan entre a separación e o encontro porque, mais cedo que tarde, deben confrontarse co que lles falta: a metade da vida.
-
Raúl Veiga: variacións sobre amor e identidade
A metade da vida
Versión lingüística:VOFormato:DCPPresenta: Raúl Veiga.
- Ano:1994-2019
- Países de produción: España
- Guión: Raúl Veiga
- Fotografía: Juan Carlos Gómez
- Montaxe: Luís del Pino
- Produtora(s): Fenda Filmes
Crítica do filme
José Antonio Coira, en ‘Diccionario do cine en Galicia. 1896-2000’, Xunta de Galicia, 2001.
En 1994, cando os ecos daquel Cinegalicia que acollera en Vigo a estrea de tres longametraxes como Continental, Sempre Xonxa e Urxa semellaban o recordo dun espellismo, estreouse A metade da vida. Era unha película que, entre outras cousas, queríase entroncar nese corpo de rara entidade chamado cine galego. O capital (subsidiado pola Xunta, apoiado pola Televisión de Galicia), o reparto (un espléndido conxunto sen discordancias) e todo o equipo posible eran galegos; a película, unha sabia historia de amor, ten a Galicia na superficie e, máis, no fondo do relato. Seguramente convén lembrar este aspecto da producción. Non fai que a película sexa nin mellor nin peor, pero si é un dato esencial na concepción, desenvolvemento e resultado do filme.
Raúl Veiga foi o seu director, guionista e productor. Poucas veces debeulle de acaer tan ben a un dos nosos cineastas o cualificativo de autor. A película toda está impregnada dun intenso, concienciudo, por veces oculto e sofisticado traballo de escrita e posta en escena, que concede a A metade da vida a virtude da coherencia. (...)
Antes de se-la película que hoxe coñecemos, foi unha curtametraxe. Chamábase Boas noites, Eire e partía do relato co mesmo nome de Xosé Luis Méndez Ferrín. A curtametraxe, aínda que se rodou independentemente, nunca chegou a existir por si soa; é a parte final de A metade da vida. De maneira que, en certo sentido, a película de Raúl Veiga foi o resultado de explorar cara a atrás na historia de Eire, Carlos Bao e Violeta.
Este trío —no que se dan cita tres das teimas de Raúl Veiga: a literatura, Galicia e o jazz- chega con alcol ó fondo da noite, logo dunha serie de compases nos que fomos sabendo deles e dos seus amigos e amadores. O argumento da película (...) é unha cadea de encontros.
(...) A metade da vida, unha sabia historia de amor, ten moito que ofrecer. É unha construcción sentida, sensata. Pero tan oculta como o pode esta-la polisemia do seu título, que fala á vez da idade e dos seres amados.