Matria
Francisca Iglesias Bouzón
- 20 minutos
Perante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de se refuxiar na relación que a une á filla e á neta. (Marvin&Wayne)
- Ano:2017
- Países de produción: España
- Fotografía: Lucía C. Pan
Hablamos con el director que ganó Sundance con un corto en gallego
Fernando Bernal
"Cando rodamos a longametraxe?". Esta é a pregunta que lle fixeron o pai (Alberto) e o tío (José) cando Álvaro Gago Díaz pisou Galicia logo de voar dende Utah (EUA) co seu premio baixo o brazo. Eles son os produtores de Matria, a curtametraxe rodada en galego que obtivo o galardón do xurado do mítico Festival de Sundance. Na película tamén participou o seu primo Miguel, como axudante de dirección. Mais ningún dos tres puido acompañalo ao certame que fundou Robert Redford e onde se deron a coñecer Quentin Tarantino, Todd Haynes, Allison Anders ou Steven Soderbergh, entre moitos outros grandes cineastas.
O carácter familiar de Matria refórzase, como explica este cineasta nado en Vigo en 1986, dende o seu propio punto de partida. "A orixe é a miña amiga Francisca Iglesias Bouzón, que coidou do meu avó durante os últimos anos da súa vida e que, se o meu avó gozou deles, foi en boa medida grazas a ela, que a pesar da mochila de desgrazas e infortunios que levaba (e segue a levar) ao ombreiro, sempre chegaba á casa chea de enerxía, dinamismo e humor. A película xorde da admiración que sinto por ela e da necesidade que tiña de me achegar, coñecela e darlle voz".
Matria fala, a través deste personaxe, sobre a incomunicación e o matriarcado en Galicia.
Non é doado comunicarse, principalmente porque non é doado escoitar. Require unha grande enerxía facer o exercicio de se pór no lugar do outro. En Galicia (e en todo o mundo), é fundamental que o patriarcado escoite, reflexione e acepte, antes de nada, que o sofá dende o que ve o mundo é un sofá cómodo e que ocupa a maior parte do espazo. En Galicia a muller está igualmente sometida e silenciada que en calquera outro lugar. O mito do matriarcado é un mito falso. Só fai falta sacar a cámara á rúa. Matria ten un marcado carácter documental. Todo o que vemos está documentado e despois presentado baixo o veo da ficción, mais eu non inventei nada.
Como seleccionaches os actores?
Cada selección seguiu un camiño diverso, mais en ningún momento seguín o proceso de escolla habitual. A posibilidade de traballar con Francisca foise cristalizando a medida que iamos ensaiando, mais durante un tempo tiven outras opcións na cabeza (que nunca cheguei a explorar). Para a encargada buscaba, antes que nada, unha voz enerxética, robusta e punxente; a propia encargada da fábrica onde rodamos respondía aos parámetros da busca, mais non quixo facelo. Foi despois do seu non definitivo que me acordei da voz da nai dun grande amigo que vivía pola zona. Seguín a palpitación e dei con Eulogia. Moitos dos actores e actrices secundarios atopeinos nas propias localizacións. Visitei cada localización entre dez e quince veces antes da rodaxe, o cal me permitiu coñecer ben o lugar e as persoas que o frecuentaban.
Fixeches unha curta a partir dun obradoiro con Abbas Kiarostami, que outros referentes visuais manexas?
Si. Unha peza pequena de tres minutos que non sei se o acabou de convencer. A aparente sinxeleza da narrativa das películas de Kiarostami é un referente importante. Os Dardenne, Andrea Arnold, Cristian Mungiu, João Salaviza, Laszlo Nemes, son cineastas que en moitas das súas películas deixan de lado a experimentación narrativa para centrárense na construción dunha personaxe. Adoptan o seu punto de vista e dificilmente o abandonan. Intentan darlle ao espectador unha experiencia inmersiva na que un poida case coexistir co personaxe principal.
Todo isto interesábame para Matria. O free cinema británico e os neorrealistas italianos sacan a cámara á rúa, documentan e contan historias dende puntos de vista minimalistas e simples. A compaixón de Ozu cara aos personaxes que filma, a agresividade de Pialat, o retrato como documento social na fotografía de Virxilio Vieitez, o elemental primitivo e naturalista de María Antonia Dans, a síntese discursiva e rabia contida de Simone de Beauvoir ou o espírito de loita que irradian as imaxes da folga organizada polas mulleres da Illa de Arousa logo de que pechase a fábrica de conservas Odosa.
Matria foi unha das curtas da tempada, con premios en Valladolid ou Alcalá de Henares, sorprendeuche esta reacción da xente?
Calquera reacción sería inesperada. Non fago o exercicio de trasladarme cara a un posible futuro no que se está exhibindo a película co público no cine. Si que penso na audiencia durante o proceso creativo, pois intento non dar todo mastigado, deixar ocos que completar, mais non considero o éxito. Iso si, todos temos un ego que alimentar, por desgraza, e gústame que a xente aprecie o meu traballo.
E agora, co premio de Sundance, demostra que unha historia en principio local ten unha lectura moi universal.
Todas as historias a teñen. O cine non coñece barreiras, pois constrúese a través de emocións comúns a todxs. O escenario pode ser diferente e as persoas poden estar a falar noutra lingua distinta á túa, mais todxs nos podemos identificar coa negación, a vergoña, a soidade, o medo, a adrenalina.. o cine é un espello no que nos recoñecemos constantemente.
Como é o Festival de Sudance? Segue a ser a meca do cine indie?
É un grande estanque xeado con moitísimos peixes, grandes e pequenos. É unha burbulla, un batedor, unha montaña rusa á que agardo subirme de novo. Ao tempo, marchei de alí cunha calorosa sensación de que Sundance quere converterse nunha especie de familia.
Como recibes a noticia de que vas gañar?
Non a recibo. Chégame no preciso instante no que Shirley Manson anuncia o título da película.
Cal foi o consello que che deu Robert Redford?
Robert Redford falou para un grupo amplo de directores. Díxonos, fundamentalmente, que non nos preocupásemos se sentiamos medo, que era normal, que el tamén se sentira así. O medo é unha arma de dobre fío, pois a incomodidade que provoca pódete facer avanzar mais tamén te pode paralizar. Sentirse vulnerable é parte do proceso.
Que proxectos tes entre mans?
A vulnerabilidade é unha cuestión que me gustaría tratar nun futuro proxecto, pois creo que é un estigma que temos que derrubar, mais polo momento vou tentar rodar unha nova curtametraxe este próximo verán, en Vigo, mentres desenvolvo unha longametraxe baseada no personaxe de Ramona.
(“Hablamos con el director que ganó Sundance con un corto en gallego”, de Fernando Bernal, en El País)