Olladas de muller 2018
Do 1 de marzo de 2018 ao 13 de marzo de 2018
Un ano máis propomos en colaboración co Consello da Cultura Galega un ciclo para celebrar o Día Internacional da Muller. Non necesariamente todos os filmes do programa están dirixidos por realizadoras, mais en todos eles se afonda en problemáticas sobre as que cómpre reflexionar, na procura dunha igualdade absoluta hoxe lonxe de se ver atinxida. A violencia machista, o empoderamento feminino, a transmisión de coñecemento entre mulleres de distintas xeracións no eido da familia, como enfrontarse ao envellecemento, ou as duras condicións laborais combinadas co coidado da casa son varios dos temas que presentan estas películas. Son todos eles títulos recentes e unha boa parte acaban de lograr o éxito en prestixiosos festivais internacionais como Málaga, Donostia, Sevilla ou Sundance. Neste último, o filme galego Matria, de Álvaro Gago, alzouse co Gran Premio do Xurado na última edición. Proponse ademais como acompañamento a estas fitas de estrea un foco dedicado á artista feminista austríaca Valie Export.