
Juke: Passages From Films By Spencer Williams
- 29 minutos
Ensaio que recupera os filmes perdidos de Spencer Williams, cineasta que retratou as condicións de vida da comunidade negra en Texas nos anos corenta. Mediante a montaxe de extractos das súas películas, Andersen identifica as súas constantes e realza os valores documentais da súa obra.
- Ano:2015
- Países de produción: Estados Unidos
Durante os anos corenta, Spencer Williams dirixiu nove filmes de raza para Sack Entertainment no centro de Texas e actuou en oito deles. Só fica un por redescubrir. En Juke, intento pór en valor o seu traballo para probar a súa orixinalidade e beleza, así coma os valores documentais que desprende. Williams sempre volve ao mesmo tema: a loita entre o sagrado e o profano, a igrexa e o juke point (tipo de establecemento de bebidas), o gospel e o blues. Retrata uns e outros con idéntica convicción. A igrexa sempre prevalece, máis dálle ao diaño o que se lle debe. Iso é o que fai de The Blood of Jesus unha obra mestra: fai falla un milagre para recuperar a Martha Jackson da atracción da cidade e dos seus clubs nocturnos.
O drama nos seus outros filmes é máis banal, mais si que comecei a notar un salientable rexistro documental da vida dos negros nos corenta nestes filmes. Aí están as escenas dos clubs nocturnos, por suposto, mais tamén un precioso rexistro dos espazos residenciais, dende a cabana de The Blood of Jesus ata a cómoda casa de clase media en Juke Joint. Destaco estas cualidades documentais ao reiterar planos de interiores baleiros e mostrar accións desprovistas de trama.
Non é a miña intención crear novos significados para estes filmes; debátome por sacar a relucir os aspectos que están aí, agochados pola trama: a dignidade das vidas dos negros e a creación dunha cultura dinámica na segregada sociedade de Texas nos corenta. Vexo o meu filme coma un parente das fotos das casas dos parceiros que Walker Evans fixo nos anos trinta e dos ensaios de George Orwell sobre os interiores da clase traballadora inglesa.
Juke foi un comisariado para a apertura do ciclo ‘A Road Three Hundred Years Long: Cinema and the Great Migration' do Museum of Modern Art en conxunción coa exposición de Jacob Lawrence 'Great Migration paintings'.
Thom Andersen