Hostal España
Coas traballadoras e residentes do Hostal España
- 60 min.
Todos os cuartos do Hostal España, un modesto e céntrico establecemento situado na cidade de León, están ocupados por persoas maiores, moitas delas procedentes da abandonada contorna rural. Nas súas estancias, corredores e comedor, as estacións sucédense sen pausa para unha comunidade que foi convidada a gravar o seu día a día e a participar así na creación dun filme que dea conta doutra posible forma de vida na chamada terceira idade.
-
Off Galicia
Presentación do libro 'Hostal España. El gesto hospedante, la etnografía hospedante'
Hostal España
Versión lingüística:VOFormato:DCPEntrada gratuíta.
- Ano:2020
- Países de produción: España
- Guión: Chus Domínguez xunto con Inma Álvarez e as traballadoras e residentes do Hostal España
- Montaxe: Chus Domínguez
- Produtora(s): LAAV_Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental
Dicir estamos gravando
Chus Domínguez
Estamos gravando. Carmina teno claro. Cando Jose a interrompe mentres ela prepara o seu café na cociña do hostal deixa claro que ese momento é importante aínda que pareza banal, é o seu ritual de media mañá e está a desenvolver toda unha posta en escena. Inma grava e ela actúa, ou, máis que actuar, fai o que fai todos os días, mais sendo consciente de que o fai para a cámara. Prepara o café, interior día.
Dicir estamos gravando denota máis niveis de significación que se perden na sinxeleza dunha frase pronunciada por una nonaxenaria. Fala de pór o corpo nun proxecto no que fuches convidada a participar, e facelo dende a reflexión e a axencia. Agora imos gravar isto. Significa que son consciente de que as miñas accións cotiás, cuxa suma constrúe a miña vida, poden ser merecedoras de atención, tamén para outras persoas fóra do meu entorno. Significa que ao facer algo con Inma sigo transcendendo unha relación baseada nunha lóxica comercial empresario-cliente e colaborando na consolidación dunha rede de afectos que á súa vez fala da existencia dunha comunidade. Significa que estou construíndo mundos, formas de vida que ofrecen unha alternativa a un modelo baseado na mera transacción de bens e servizos por cartos, todo iso cando sabemos que no fóra de campo case apocalíptico -máis cando se escriben estas palabras, á luz dunha desastrosa pandemia- se desmantelan os servizos públicos, esenciais para a poboación máis desfavorecida, e medra o apoio a forzas políticas xenófobas, mentres as administracións case sé recordan a xente maior para reclamar o seu voto.
Tamén quixeramos crer que dicir estamos gravando implica verse inmerso nun proxecto artístico, e non só o de facer un filme (como obra pechada sobre a que unha vez finalizada se poderá ofrecer un xuízo de valor), senón no referente á idea de arte “como estado de encontro” nunha “elaboración colectiva do sentido” que propuña Bourriaud. E, alén do artístico, significa que estou a participar en dar conta dunha experiencia estética que ten que ver cos meus (nosos) rituais, tempos, obxectos e espazos, cuxa interrelación forma unha parte esencial da miña comunidade. Así, os 25 segundos que tarda en quencer o café no microondas terían que ver co que David MacDougall chama estética social, algo que adoita ser asimilado a outras categorías e polo tanto pasar facilmente desapercibido, algo que non só é difícil de apreciar, senón tamén de aprehender ou rexistrar, ao que só nos podemos achegar oblicuamente.
Dicir estamos gravando cando quento o café fala tamén de que a miña vida como persoa maior (anciá) non só ten que ver coas cuestiones problemáticas nas que nos adoitamos centrar cando pensamos na terceira idade e abre unha vía para o que non se tería pensado ou planificado nun guión documental ou nunha enquisa sociolóxica, algo que xorde e se manifesta como acción e coñecemento encarnado, aí presente para que, se queremos, lle prestemos atención. Recórdanos a cando Olatz Gonzalez Abrisqueta fala de deutero-cinema como “un cinema no que se coñece o que non se esperaba coñecer porque se atopa”. Ademais, se estamos gravando e non somos cineastas ou artistas recoñecidas, tamén estamos cuestionando unha orde xerárquica claramente asumida, pondo en cuestión o concepto de autoría.
Ao redor desta breve frase que pronuncia Carmina no ecuador do vídeo pivota todo o traballo. Non quere dicir que o proxecto fose vivido de igual xeito por todas as persoas que se quixeron implicar, mais si se pode considerar como horizonte cara o que apuntan os proxectos do LAAV_. Como horizonte sitúase no utópico, mais tamén como horizonte sería un destino. Estamos gravando.