
Hechizo de luna
Moonstruck
Cher, Nicolas Cage, Olympia Dukakis, Danny Aiello, Vincent Gardenia
- 102 min.
Loretta, viúva dende hai anos, vai casar con Johnny só por comodidade e porque, tras moito tempo solteira, é o único home que llo pediu. Cando o pretendente debe viaxar de Nova York a Sicilia para visitar a súa moribunda nai, deixa encargada a Loretta de convidar á voda o seu irmán Ronnie, con quen non se fala. A muller vai visitalo e ese encontro espertará en ambos sentimentos que anuncian complicacións nas relacións familiares.
Hechizo de luna é unha das comedias románticas máis singulares dos oitenta-noventa. Na tradición lixeira do xénero, destila porén un estilo tan desprexuízado e vivaz como punzantemente doloroso arredor das súas divagacións sobre a natureza do amor e do sentido da vida. Alén dun guión de medidos diálogos e estrutura, destacan no filme as interpretacións –Óscar e Globo de Ouro para Cher e Dukakis, impresionante traballo dun desatado Nicholas Cage– e unha coidada selección de temas musicais, nos que xoga un papel moi relevante na narración La bohème de Puccini. Non só articula esta obra un encontro fundamental no Met para Loretta e Ronnie, no que conflúen as tramas da película e se condensan os seus temas, senón que no triángulo amoroso podemos advertir tamén unha transposición do argumento da ópera, con efectos tan cómicos como desacralizadores.
Puccini representa con humor, como outros elementos italanizantes no filme, esa herdanza dunha comunidade que aínda murmura, nas rúas de Brooklyn, algunhas palabras na lingua dos seus avós, ou que aínda frecuenta ultramarinos que poderían atoparse en Palermo. No retrato dos italoamericanos de clase media en Nova York, Norman Jewison xoga con Hechizo de luna na serie A e emparéntase coa obra de cineastas como Martin Scorsese, Francis Ford Coppola ou Nancy Savoca.
-
Fóra de serie: Amigos de la ópera 2024
Hechizo de luna
Versión lingüística:VOSEFormato:DCPEntrada gratuíta.
- Ano:1987
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: John Patrick Shanley
- Fotografía: David Watkin
- Montaxe: Lou Lombardo
- Produtora(s): Metro-Goldwyn-Mayer (MGM)