
Gallos de pelea
Cockfighter
Warren Oates, Richard B. Shull, Harry Dean Stanton, Ed Begley Jr., Laurie Bird, Troy Donahue, Millie Perkins, Patricia Pearcy, Steve Railsback
- 83 min.
Frank Mansfield, un criador de galos de pelexa que xurou gardar silencio tras perder unha aposta, busca recuperar o título de ‘Galeiro do Ano’ no duro mundo das loitas de galos do sur dos EUA. Tras perdelo todo, adestra novos galos con obsesión e enfróntase ao seu rival Jack Burke, mentres tenta reconciliarse coa súa moza Mary Elizabeth, quen rexeita a súa vida.
- Ano:1974
- Países de produción: Estados Unidos
- Guión: Charles Willeford, baseado na súa novela Cockfighter
- Fotografía: Néstor Almendros
- Montaxe: Lewis Teague
- Produtora(s): New World Pictures
Os cilindros asubiaban o meu nome
Kent Jones, en ‘The Last Great American Picture Show: New Hollywood Cinema in the 1970s’ (Amsterdam University Press, 2004)
A historia afástase de moitas normas á vez: da decencia (o tema), da moralidade (ninguén obtén o seu merecido por entregarse aos males das pelexas de galos) e da narración e a interpretación cinematográfica (o protagonista non fala). E o que resulta tan sorprendente do enfoque de Hellman é a súa sensación de familiaridade. Parece que nos iluminen todas as escenas, con delicadeza e un apropiadamente despreocupado estilo sureño. (...)
As secuencias das pelexas de galos son reunións improvisadas pero fortemente ritualizadas. É fácil imaxinar a outro director cortando a primeiros planos de brutos sedentos de sangue tragando cervexa mentres botan pestes de aves desprevidas. Neste caso, a multitude está animada, pero é respectuosa: participa nunha tradición que se remonta a tempos inmemoriais. Non hai sede de sangue, pero si un estrito conxunto de normas e códigos de conduta. «Fomos a Xeorxia e empezamos a vivir nese mundo, que é unha parte moi importante da vida alí, sobre todo a subcultura [das pelexas de galos]. Encantoume a xente e, a medida que fun penetrando nela, fun facendo unha película sobre eles e sobre a súa vida. Ese aspecto gústame moito. O aspecto documental atráeme».
Hellman mostra en Cockfighter unha calidez que non abunda nas súas outras obras. Poida que trate de «xente espantosa» (unha descrición espantosa da guía cinematográfica de Leslie Halliwell) polo deporte que practican, pero compórtanse con cabaleirosa cortesía e bo humor comunitario. Esta é a máis rosselliniana das películas de Hellman, no sentido en que mostra o desesperado impulso competitivo da xente sen dramatizalo (…). Cando Hellman curta ás propias aves en rápidos flashes, o efecto é sorprendente: en mans do director de fotografía Nestor Almendros, convértense en brillantes estalidos de action painting. Os galos de pelexa non son símbolos, senón extensións, facilitadores: as aves están inmersas nunha loita por sobrevivir que a xente goza a un nivel vicario filtrado polas regras, a cerimonia e o decoro. Dun modo estraño, as pelexas de galos imbúen a esta xente de dignidade máis que de fealdade: o seu marco de experiencia é pequeno e circunscrito, os seus desexos están tan ritualizados que é coma se a súa existencia dependese do marco de gañar e perder para ter sentido.
Tradución propia do inglés.