Carta Branca Jean-Claude Rousseau
- 100 minutos
Conferencia ilustrada de Jean-Claude Rousseau
“Cámara, magnetófono, afastádeme da intelixencia que o complica todo”. Esta Nota sobre o cinematógrafo de Robert Bresson orienta un dos principais vectores que cruzan esta conferencia, unha sorte de carta branca dedicada ao cineasta Jean-Claude Rousseau, quen antes de filmar a primeira das súas películas en super 8, Jeune femme à sa fenêtre lisant une lettre, foi testemuña privilexiada dalgunhas das grandes conxunturas do cinema de vangarda, tanto no Nova York de finais dos anos 70 coma no París de comezos dos 80. As películas desta sesión están atravesadas polo experiencial: non tanto polos fenómenos probados ou comprobados, examinados ou demostrados, como polos vividos e sentidos, coñecidos a través da experiencia. Esquivar o superfluo das categorizacións do cinema, reconciliar as relacións que parecen irreconciliables só por dárense entre elementos afastados. Correspondencias inesperadas que se propagan a través de manifestacións e conmocións, accións temporais e propulsións, estados corporais e, sobre todo, movementos, na súa gran variedade de formas.
LA CHAMBRE
Chantal Akerman, Bélgica, 1972, 16mm, 11 min.
Tres panorámicas de 360º percorren unha habitación. Fronte á sucesión de naturezas mortas, os xestos e posturas dunha muller recostada na cama varían con cada rotación ao confluír coa velocidade da toma única. A primeira vez mira inmóbil á cámara. A segunda, aparece deitada. Na terceira volta, morde unha mazá.
STANDARD TIME
Michael Snow, Canadá, 1967, 16mm, 8 min.
Os incesantes xiros da cámara horizontais ou verticais por un apartamento sitúan o movemento físico e vital como condición da percepción espazo-temporal. Unha muller e un gato, mobles e obxectos, ondas sonoras e voces incorpóreas que mesturan comentario e conversa: os impulsos das panorámicas repetidas, así coma as detencións antes do corte non só inducen a cada momento unha revelación, senón que socavan toda posible obxectividade da experiencia da visión e a escoita.
CÉSARÉE
Marguerite Duras, Francia, 1979, 35mm, 11 min.
Os xeroglíficos do obelisco da Concordia, o arco de triunfo do Carrusel rodeado de andamios, as estatuas de Maillol no xardín das Tullerías. Da sedosa alternancia de planos fixos e travellings sosegados brota un poema musical, voz dun recordo histórico: o de Benerice, a raíña dos xudeus, e o de Cesarea, antiga cidade palestina destruída, da que practicamente só quedou o nome.
SURFACE TENSION
Hollis Frampton, Estados Unidos, 1968, 16mm, 9 min.
Tres secuencias e dous sons: a voz inaudible dun home e os seus movementos acelerados, un reloxo dixital, un teléfono soando 37 veces; un vertixinoso travelling atravesando a ponte de Brooklyn e unha prosaica voz en off realizando unha descrición en alemán; un peixe desprazándose lentamente nun acuario á beira do mar e algunhas palabras escritas na pantalla. Limitando os elementos, a película como bloque induce as resonancias.
FILM SANS CAMÉRA STST
Giovanni Martedi, Francia, 1975, 16mm, 6 min.
As películas feitas sen cámara non só exploran os ritmos musicais: estudando as variacións mínimas do fluxo luminoso, os movementos, de tan monótonos, poden aparentar inmobilidade. La forma da película (arte povera!) é a da propia estrutura perceptiva.
TARIS, ROI DE L'EAU
Jean Vigo, Francia, 1931, 35mm, 10 min.
Tomas diferentes dunha mesma posición corporal, tomas curtas dende distintos ángulos, tomas aéreas e mergulladas, primeiros planos disruptivos, movementos invertidos, aceleracións e ralentís, asincronía entre imaxes e sons, separación da acción do entorno. O estudo das técnicas de natación de Jean Taris (xiros, brazadas, respiración) corresponde co das técnicas do cinema. A auga media o espazo entre a cámara e o corpo, reduce a altura e a largueza, realza o volume e absorbe e reflexa a luz. Desconectada do mundo real, a profundidade submarina é espazo privado e transformador.
-
(S8) Mostra de Cinema Periférico
Carta Branca Jean-Claude Rousseau
Versión lingüística:VOSGFormato:16mm.Conferencia ilustrada de Jean-Claude Rousseau. Entrada de balde.
- Ano:1931-1979
- Países de produción: Bélxica, Canadá, Estados Unidos, Francia