As colaboracións cos festivais Play-Doc e (s8) traen á Filmoteca de Galicia pases especiais de Chantal Akerman, Aravindan Govindan e Iván Zulueta

  • A carteleira de maio arranca hoxe na cinemateca da Xunta con dúas novas sesións das retrospectivas sobre directora xaponesa Kinuyo Tanaka e o documentalista alemán Peter Nestler, que chegan ao seu remate este mes
  • As últimas películas de Ángeles Huerta e Xavier Villaverde poderán verse na sala José Sellier da Coruña con motivo da celebración do Día das Letras Galegas
As colaboracións cos festivais Play-Doc e (s8) traen á Filmoteca de Galicia pases especiais de Chantal Akerman, Aravindan Govindan e Iván Zulueta

A Coruña, 2 de maio de 2023.- A carteleira de maio da Filmoteca de Galicia arranca hoxe mesmo con dúas das últimas sesións das retrospectivas que a cinemateca da Xunta lles está a dedicar á directora xaponesa Kinuyo Tanaka e ao documentalista alemán Peter Nestler. Esta semana dá comezo, ademais, o especial sobre a realizadora belga Chantal Akerman, que poderá verse na sala José Sellier da Coruña en colaboración co Play-Doc International Film Festival de Tui.

Ademais de acoller a extensión do certame tudense, que inclúe a proxección de dúas fitas restauradas do cineasta indio Aravindan Govindan, a filmoteca volverá ser unha das sedes da Mostra (S8) de Cinema Periférico da Coruña para ofrecer a finais de mes un programa sobre o creador vasco Iván Zulueta, entre outras citas. Ambos os festivais contan con subvención da Xunta de Galicia para a súa organización a través da convocatoria de axudas, da que este ano resultaron adxudicatarios 11 eventos.

A programación en colaboración co Play-Doc comeza mañá coa primeira das cinco sesións de Chantal Akerman, que abranguen traballos da súa etapa máis experimental, desenvolvida entre os anos sesenta e setenta. A principal novidade é a presentación de varios títulos inéditos, que non adoitan formar parte das retrospectivas sobre esta directora. Na Filmoteca poderán verse mañá, ás 18,00 h., as súas primeiras curtametraxes en Súper 8, realizadas en 1967, xunto con News from Home, de 1976.

Este venres, “a mellor película do mundo”

O ciclo inclúe, así mesmo, a súa primeira curta oficial, Saute ma ville (25 de maio); a película inacabada Hanging Out Yonkers (día 11), rodada durante a súa etapa en Nova York, ou as súas primeiras longametraxes. É o caso de Jeanne Dielman, 23 Quai du Commerce, 1080 Bruxelles, elixida recentemente como "a mellor película da historia do cine" a partir da enquisa profesional que realiza a prestixiosa revista Sight & Sound do British Film Institute. Proxectarase na sala José Sellier este venres, ás 19,00 h.

O segundo dos ciclos procedentes do Play-Doc traerá á Coruña dous recentes restauracións das películas de Aravindan Govindan: Thamp (dia 10) e Kummatty (día 12), consideradas dúas obras mestras. O realizador indio, artista multifacético e máximo expoñente do novo cinema da rexión Malabar, conta cunha premiada traxectoria, que se viu truncada pola súa repentina morte en 1991.

En cando á mostra (S8), este ano celebra a súa décimo cuarta edición do 26 de maio ao 4 de xuño coa cinemateca galega como unha das súas sedes. Entre a súa programación, a sala da rúa Durán Loriga acollerá os días 26 e 27 o inicio do ciclo AZ-Zulueta Inédito, a partir da recuperación do arquivo en Súper 8 do artista vasco realizada pola Filmoteca Española. Trátase tanto de películas familiares de Iván Zulueta como de prácticas experimentais que nunca viran a luz en público.

A carteleira de maio tamén lles achega aos espectadores cinéfilos os derradeiros pases da retrospectiva da directora e actriz nipona Kinuyo Tanaka, coa súa última película como directora, Love Under the Crucifix (hoxe, ás 18,00 h. e mañá, ás 20,00 h.) e unha das súas interpretacións máis populares, Vida de Oharu, mujer galante (día 9, ás 19,00 h.), de Kenji Mizoguchi.

Do mesmo xeito, o ciclo Achéganse outros tempos. Os filmes de Peter Nestler, organizado polo Festival de Cine Documental de Navarra Punto de Vista, desenvolve este mes as súas últimas cinco entregas. Entre elas, as súas máis recentes películas: Unrecht und Widerstand (10 de maio) e Der offene Blick (12 de maio), ambas de 2022.

Off Galicia

Como é habitual, o cinema galego está presente na carteleira da Filmoteca, desta volta para celebrar o Día das Letras Galegas con dúas sesións dobres da sección Off Galicia os días 18 e 19 de maio, nas que se combinan as proxeccións de O corpo aberto, de Ángeles Huerta, e o documental María Casares: a muller que viviu mil vidas, de Xavier Villaverde. Ambas fitas recibiron subvención da Xunta para a súa produción.

 

Fóra de serie e Filmoteca Jr. son outras das seccións habituais da cinemateca que terán continuidade este mes, no que arranca ademais un ciclo sobre o cinema checo máis recente da man da embaixada desde país en España.

A programación completa pode consultarse na web da Filmoteca de Galicia.