
Arde Amor
Rosana Pastor, Sergi López, Chete Lera, María Bouzas, Miguel Pernas
- 90 min.
“Arde amor” é un fermoso conto de morte e de amor sobre a posibilidade de renacer, a partir das cinzas, e intentar construír un novo mundo de afectos, lúcido e intenso, para alén das ruínas do amor-paixón.
-
Raúl Veiga: variacións sobre amor e identidade
Arde Amor
Versión lingüística:VOFormato:35mm.Presenta: Raúl Veiga.
- Ano:1998
- Países de produción: España
- Guión: Raúl Veiga
- Fotografía: Juan Carlos Gómez
- Montaxe: Guillermo Represa
- Produtora(s): Fenda Filmes
Crítica do filme
Xosé Nogueira, en ‘Diccionario do cine en Galicia. 1896-2000’, Xunta de Galicia, 2001.
Na súa segunda longametraxe como director, Raúl Veiga volve transitar polos sendeiros que guiaran as súas experiencias cinematográficas anteriores, ben só como guionista (Continental) ou tamén desde a dirección (a curtametraxe Boas noites, Eire; A metade da vida), na confianza de profundar no asentamento dun itinerario propio en canto a cineasta. Adiantémo-los principais: a) a revisitación e/ou desmontaxe crítica de certos xéneros cinematográficos clásicos; b) o amor como tema: os seus límites, os seus riscos, o seu comezo e remate, a súa vivencia ou a súa imposibilidade; e c) a procura dunha expresión filmica propia, realizada en e desde Galicia como proposta temática e formal diferenciada fronte a outros modelos presentes no mercado.
(...) Veiga vai tentar poñer en escena a súa relectura dese tradicional clixé que pesa sobre o amor romántico entendido como paixón desaforada e incontrolable que, inevitablemente, ha ter consecuencias irreparables para os seus protagonistas. E faino botando man, precisamente, dunha serie de recursos que a cinematografía clásica e posclásica utilizara na construcción dos seus melodramas, xa inseridos no noso imaxinario colectivo, ós que o cineasta galego lles dará a volta. Neste sentido, en Arde amor proponse unha operación semellante respecto do drama á que, como atinadamente sinalaba Miguel Anxo Fernández no seu día, constituía Continental respecto do thriller. Novamente, pois, este cineasta radicado na Coruña amósase como un consumado coñecedor das principais expresións cinematográficas que no mundo teñen sido. Mais xunto ó Veiga cinéfilo agroma, tamén como en casos anteriores, o Veiga filólogo (tal foi a súa formación académica) que incorpora ó anterior unha substancial carga literaria. De feito, se na súa longametraxe anterior, A metade da vida, adaptaba libremente un texto de Méndez Ferrín, agora as referencias literarias de Goethe e von Kleist véñense sumar ás do gran escritor ourensán no baseamento desta nova indagación fílmica. Todo o cal deixou resumido o propio Veiga: "Aínda que recoñezo que están Goethe e von Kleist e mesmo o Ferrín de 'Arraianos', en realidade o que está de fondo no meu filme é unha reflexión sobre o romanticismo e sobre a súa presencia banalizada na sociedade actual como mito do amor-paixón que en versión, digamos pop, sería o amor Hollywood. Neste sentido Arde amor sitúase despois diso. A pregunta sería: toda esa construcción ideolóxica e vital que foi o amor-paixón occidental, ¿como a vemos desde hoxe? Eu fago un pouco a crítica de todo ese sistema de afectos" (declaracións a Celso X. López Pazos en A Nosa Terra n° 921, 10-2-2000, p. 25). (...)
Determinados os principais elementos que neste caso van marca-los sendeiros mentados ó principio, cómpre explicitar sequera minimamente a súa plasmación fílmica. A alusión a esas formas clásicas coas que Veiga vai tentar de establecer un diálogo crítico realízase xa desde a arquitectura do seu filme, baseado nunha estructura circular que o é, ademais, a un dobre nivel. Por unha banda, na presencia do suicidio como apertura (Lucio e Rosa) e peche (Ranxel) do seu traxecto narrativo, pero tamén no engadido dun limiar e máis un epílogo con imaxes rodadas aparentemente en Súper 8 mm. nas que aparecen aínda felices tódolos protagonistas da historia: a idade da inocencia, a pureza inicial, a condición fantasmática da imaxe cinematográfica (un recurso e unhas significacións que, por certo, adoitan aparecer bastante no audiovisual contemporáneo). Unha configuración circular que envolve a espiral de sentimentos e acontecementos que desenvolve o filme, na que se pode albiscar unha inspiración hitchcokiana —ó cabo, referente fundamental do cinema moderno— tanto a nivel formal (certos encadres e, sobre todo, esa angosta escaleira que conduce á vivenda na que se instalou Luís e que antes habitaron Lucio e Rosa) como emocional (encarnada por un melancólico Ranxel progresivamente achegado ó delirio amoroso). Certamente, para un relato coma este, impulsado por un escuro e determinante pasado —que se nos irá desvelando— e marcado por unha paixón que se fará irrefreable, resultaba difícil atopar un modelo máis axeitado co que establecer un contraste que o vertixinoso e espiral de Scottie/James Stewart á procura dunha Madeleine/Kim Novak xurdida de entre os mortos.