
Almoina: o heroe infame
Almoina: o heroe infame
- 60 minutos
José Almoina Mateos naceu en Lugo, fillo dun importante médico local. Despois foi membro do PSOE, masón, deputado, represaliado e perseguido na guerra civil, exiliado, profesor na Universidade de Santo Domingo e secretario persoal do ditador Trujillo, o home polo que pasaban todos os documentos dun gobernante megalómano e homicida. Un traballo indigno, polo que foi expulsado do PSOE e polo que moitos exiliados o condenan ao ostracismo.
Gregorio Bustamante, un heroe que denuncia diante do mundo a ditadura trujillista e os seus manexos para exportar o terror a toda América Latina, cualifica a Almoina de “indigno gallego”. É daquela Almoina un covarde acomodaticio, disposto a todo para que a súa familia viva ben despois do cárcere e do terror en España? É realmente un “indigno gallego”, como o acusa Bustamante?
Almoina deféndese destas acusacións cun libro laudatorio titulado Yo fui secretario de Trujillo, onde pon ao tolo ditador polas nubes. Como di o heroico Bustamante, Almoina é un home indigno.
En canto pode, Almoina saca a familia da República Dominicana e foxe el tamén. Dende o exterior inicia un dobre xogo de denuncias e de enganos, de cambios de domicilio e de prevención, porque sabe que o servizo segredo de Trujillo caeu por fin na conta: Bustamante é el. Almoina e Bustamante son a mesma persoa. Unha persoa condenada a morte.
Heroe ou covarde? É certo que coa obra laudatoria de Trujillo escrita por Almoina pagou a reimpresión do libro Una satrapía en el Caribe, de Bustamante? É certo que a súa familia corría perigo –non sería a primeira vez que Trujillo ordenaba masacrar unha familia enteira–, pero… realmente quen era Almoina? Un home abandonado por todos, agás pola súa propia familia. Un día antes de morrer renunciara a levar revólver. Tempo antes volvera a ser católico practicante. É asasinado por axentes trujillistas en México, cando volvía da misa. Nunha contradición máis da súa vida, el, masón, volvera atoparse coa Igrexa.
- Ano:2018
- Países de produción: España
- Guión: Breogán Riveiro
- Fotografía: Diego Dójer
- Montaxe: Juan Sánchez
- Produtora(s): Formato Producciones