Furada Negra. Unha memoria do inframundo
- 23 min.
Unha picaraña, unha radial, incluso unha pistola. Estas memorias do inframundo comezan cun son seco, violento, como corresponde a todo acto de subtracción. Un só disparo esboroa en cuestión de segundos calquera sinfonía xeolóxica, os miles de anos necesarios para que as estalactitas e as estalagmitas se formen, centímetro a centímetro, nun sutil proceso de goteo.
As crónicas destas desfeitas atravesan as imaxes, sons e textos desta furada. Os escenarios que supuñan unha celebración do asombro, unha das mostras do poder -lento e seguro dos procesos xeolóxicos, acompáñannos mutilados.
Desde a mesma formación da Terra, foron tantos os usos das covas que calquera enumeración se torna incompleta e persoal, e aínda así, resulta un alfabeto irrenunciábel: Acubillo durante a estación do monzón. Agocho para quen é perseguido polas súas actividades políticas ou relixiosas. Calendario de basalto. Cárcere, lugar de tortura. Dominio dos morcegos. Salóns de baile, con enormes estalactitas a modo de lámpadas.
Unhas furadas cantan suaviño, pero outras provocan arrepíos. Así, cun tremor na raíz da espiña dorsal, comezan estas memorias do inframundo.
(Reconstrución dun texto de Alba Cid para o libro Tesouro Espeleolóxico Galego)
- Ano:2025
- Países de produción: España
- Guión: Alba Cid, Maúxo, Berio Molina
- Montaxe: Berio Molina
- Produtora(s): aCentral Folque, Sétima, Acusmaser