
Berserker
Pablo Hernando, 2015
100'. DCP. Presentación: P. Hernando
Berserker
(España, 2015)
Dirección, guión e fotografía: Pablo Hernando. Intérpretes: Julián Genisson, Ingrid García Jonsson, Vicenç Miralles, Chema Adeva, Lorena Iglesias, Rocío León. Dur: 100'.
Rachando coas convencións do xénero negro, Pablo Hernando dá mostras en Berserker do pulso narrativo que é capaz de imprimir a unha detectivesca historia que retorce ao seu antollo. Uns atinados Julián Génisson e Ingrid García Jonsson, cunha grande química entre eles, reinventan os arquetipos de Sherlock e Watson cunha dose de humor bruto á española. El intenta escribir unha novela, mais ao tempo vese mergullado nunha trama criminal con toques de ciencia-ficción – Hernando non bebe só de clásicos como Raymond Chandler, dalgún xeito tamén parodia a recente popularidade de novelas de errados experimentos en laboratorios como as de Robin Cook. Ela é a súa compañeira de piso e principal apoio, coa que non existe ningún enredo sexual, aínda cando se lle anticipe ao espectador.
En Berserker as mulleres non están reducidas a unha simple ferramenta narrativa nin se erixen en femmes fatales. Non son obxecto de desexo, son tipas normais que poden aparecer vestidas en chándal, e coas que un asexuado Génisson non semella querer interactuar, se non é para continuar coa súa investigación. Aquí non hai Humphreys Bogarts. Neste aspecto, na maneira de xogar coas convencións do xénero para acabar por violalas, é onde o filme toma máis forza. Do mesmo modo que n’ O Quixote cara aos libros de cabalarías, hai aquí un certo aprecio cara á novela negra, mais tamén unhas ansias de matala.
Como todo exercicio deste estilo que se prece, tamén enmascara unha vontade de falar dos males da sociedade contemporánea. Cinema low cost para retratar o impacto dunha xeración atacada polas consecuencias da crise económica. Os nacidos nos oitenta cómpre que anden cos ollos abertos. Un virus anda solto e a causar estragos. Os indicios apuntan a que chega de Alemaña.