19° Sur 65° Oeste+ Oslo, 2012+ Parábola del retorno
Juan Soto, 2010-2016
90'. HD. Presentación
19° Sur 65° Oeste
(Colombia, 2010)
Dirección, fotografía e son: Juan Soto. Guión: Chiara Marañón. Montaxe: Rocío Gattinoni. Dur: 30'.
Este documental é o resultado da estancia académica do director na Escuela Internacional de Cine y Televisón (EICTV) en Cuba e rexistra a viaxe do (re)encontro co tío "Caliche", exiliado en Montevideo hai máis de vinte anos por cuestións políticas. Mediante o diario filmado, o director realiza unha exploración intimista e coidadosa da vida do seu tío, coa intención de traelo ao presente. Este traballo convértese, así, nunha forma de mediación entre a distancia que xera o exilio de Caliche, e deixa en evidencia a modificación da mirada do director a través da cámara.
Oslo, 2012
(Colombia, 2014)
Montaxe: Juan Soto. Dur: 18'.
O título deste traballo marca un evento fundamental para a historia de Colombia: o inicio dos diálogos de paz coa guerrilla das FARC-EP e, por medio deles, propón unha reflexión dalgúns eventos relacionados co conflito colombiano. Realizado en forma de colaxe a partir de imaxes de arquivo captadas en distintos lugares e épocas, o seu exercicio creativo funciona coma un tecido desigual realizado con materiais diversos, e sobrepoñendo un mesmo xesto histórico.
Parábola del retorno
(Colombia, 2016)
Dirección, guión e fotografía: Juan Soto. Montaxe: Juan Soto, Chiara Marañón. Dur: 41'.
Wilson saíu da casa de seus pais en Medellín rumbo a Bogotá, mais nunca chegou ao destino. 30 anos despois e tras a sinatura do acordo de paz coas FARC-EP, Wilson intenta regresar dende o seu exilio en Londres para reencontrar a súa familia que o cre morto. A traxectoria do avión debuxa unha parábola, mais Parábola del retorno é tamén un poema de Porfirio Barba Jacob que en tempos lle declamaba ao seu irmán de memoria.