Festival Internacional de Curtas de Verín: Juan Soto
Do 31 de outubro de 2017 ao 12 de decembro de 2017
En 19° Sur 65° Oeste (2010), Oslo, 2012 (2014) e Parábola del retorno (2016), o director Juan Soto aborda a historia política colombiana dende un ángulo poético, que se fai visible a través dun fío común: a violencia e o conflito armado. O citado fío atravesa o tecido discursivo da realidade nacional, a partir dun repertorio interpretativo que vai dende a desaparición forzada, a insurrección e o exilio, ata os diálogos de paz. Non obstante, a exploración visual que fai Soto, non se esgota na simple representación do conflito, pois a súa poética distánciase da denuncia ou do documental político militante, e en cambio apunta a unha poética da compilación, é dicir, a unha apropiación e recontextualización do material de arquivo.
Dende esta óptica, a poética de Soto susténtase no desprazamento da súa mirada por imaxes de arquivo oficiais coma noticieiros, animacións e documentais; e imaxes das súas viaxes e arquivos persoais, aspecto que se revela coma un dispositivo de interpretación social, histórica e política, en que as fronteiras entre documental, cine doméstico, diario filmado e relato de viaxes fican expostas e, por conseguinte, transgredidas. Este ciclo concéntrase nese desprazamento da mirada, co propósito de ver os seus tránsitos simbólicos a través de espazos imaxinados polo trazo colectivo do recordo; onde o found footage opera como insumo, e a montaxe como posibilidade de resignificación crítica.
Laura Correa-Montoya e Juan Osorio-Villegas