
Sesión Atsushi Wada
2003-2011
60'. Vídeo.
ATSUSHI WADA
“Atsushi Wada é unha rara avis dentro do panorama actual da animación xaponesa. Ou, cando menos, dentro da percepción que desde Occidente temos desa fauna inabarcable que é o débuxo animado nipón, dominado pola sempre todopoderosa industria do anime.
A experiencia de visionar as súas curtametraxes pode resultarnos como o proceso de axexar un ritual estraño en que homes e bestas interactúan como pezas irreemprazables. Todo isto pode xerarnos unha certa perplexidade, pero convén non deixarse enganar, Wada recoñécese como un individuo social e cada xesto, cada movemento destes núcleos familiares constituídos por sabuxos, ovellas con faccións humanas, oficinistas en serie, porcos colosais e nenos con exceso de peso, ten un reflexo no círculo de acordos e desacordos que alicerzan o noso día a día.
Con algo de cautela poderiamos acumular algúns referentes a modo de aviso para navegantes: os achegamentos á infancia de Shuji Terayama, a animación de Koji Yamamura (outro OVNI complicado), as pinturas surrealistas de Tetsuya Ishida, poderiamos ata falar dunha extensión minimalista dos retratistas do mundo flotante, ou mesmo estirando moito o noso esforzo aceptar ecos de Yukio Mishima resoando aí dentro. Pero en caso ningún estariamos facendo plena xustiza a un mundo tan particular como o de Wada e as súas fábulas de trazo fino. Un mundo en que (e isto é clave) a inocencia non se rompe, culmina como tal, e isto é o que o fai particularmente inquietante. No programa que se inclúe en “Nervio Óptico” amosaremos algúns dos seus traballos de principiante (Gentle whisthe, bird, and stone), as curtametraxes que fixeron del unha revelación inescusable (In a pig’s eye ou The mechanism of spring) para pechar con The great rabbit, premiado na última Berlinale” (Fran Gayo).
Curtametraxes (2003-2011): Yellow (2003); A clerk in charge (2004); Day of nose (2005); Gentle whistle, bird and stone (2005); Well, that’s glasses (2007); In a pig’s eye (2010); The mechanism of spring (2010); The Big Rabbit (2012).
Duración: 60 minutos.