NERVIO ÓPTICO
Do 1 de maio de 2012 ao 30 de xuño de 2012
Ciclo de animación contemporánea comisariado polo programador do BAFICI Fran Gayo.
“Circula pola rede unha tira cómica de contido revelador e que serve perfectamente para abrir este texto. Asinada por alguén so o pseudónimo Mologh, “Produtora agresiva” amosa unha executiva dunha compañía indefinida a ditar por teléfono as directrices que han marcar a realización do próximo tanque de animación 3D producido polo seu estudo. Ha ser un filme no que se investirán douscentos millóns de capital, sen personaxes, nin guión, nin director, nada de banda sonora nin dobradores, só o efecto máis realista que se poida conseguir, puro CG (é dicir, computer generated). O que nun principio podería parecer unha extravagancia a queimarroupa agocha en once viñetas un retrato bastante axustado dos efectos que o hipernaturalismo obsesivo ten sobre a animación e a súa evolución nestes últimos anos. Poderiamos dicir que co comezo do século e producións como Final Fantasy: The spirits within, Polar Express ou Beowulf ábrese unha veda do render desbocado, algo que se acentúa coa aparición do sistema motion capture, o detallismo chega a niveis de hipertrofia, procúrase unha realidade máis exacta que a realidade mesma; poros, pestanas e texturas de toda clase sen imperfección ningunha, movementos que reproducen con pormenor o aparato motor humano. Non resulta, logo, tan difícil de entender que cando nos enfrontamos con algúns dos traballos 3D máis celebrados de cada temporada nos custe discernir se estamos vendo unha curtametraxe, ou se o que se reproduce na nosa pantalla é un simulador de voo, o teaser dun novo xogo para a X Box 360 ou a beta dun software de aplicacións clínicas acabado de saír do forno.
Afortunadamente, do mesmo modo que non se detén a fuxida cara a adiante neste proceso, tampouco deixan de xurdir francotiradores que desmenten as tendencias e formulan desafíos de todo tipo, xa sexa recorrendo a maneiras artesanais como o stop motion, á pixilación ou á animación 2D máis tradicional, xa sexa forzando, ata violentando as ferramentas de última xeración, o software como medio para acadar unha deformidade fermosa, lograr outras formas narrativas e obter metáforas doutro xeito imposibles.
Os catro programas que amosaremos en Nervio Óptico ábrense sen condescendencias de ningunha clase ao espectador, mantéñeno acordado, alerta, poderán irritar, conmover ou desconcertar, pero en ningún caso caer no terreo da indiferenza ou xogar a baza do embeleco como quen adormece observando un protector de pantallas ultra-deseñado. Fronte ao anonimato no que se moven os enxeñeiros xenéticos do 3D nas súas capelas habituais de Siggraph, Pisaf ou as roldas de negocio de Annecy, aquí falamos de autores en primeira persoa, con nomes, apelidos e un mundo propio, artistas cuxos logros e enigmas van máis aló da circunscrición da animación. Poucas directoras en activo se referiron á sexualidade feminina coa franqueza sen disimulo de Baumane, poucos directores ofrecen un universo tan hipnótico, coherente e difícil de interpretar (e para que?) como Wada, poucos estudos de animación poden facer gala dun compromiso e unha liberdade creativa así como unha minuciosidade extrema no aspecto técnico como Nuku Film. E en canto a OReilly, resucitou o punk para todos nós, anarchy is his second name, a súa obra é a posta en cuestión sistemática de modelos narrativos, preceptos morais, do bo gusto por consenso ou a corrección política”.
Fran Gayo, comisario do ciclo.
Agradecementos: Fran Gayo, David OReilly, Signe Baumane, Nuku Film, Atsushi Wada.

Sesión David OReilly

Sesión Signe Baumane

Sesión Nuku Film
