Women Make Film
Do 5 de setembro de 2020 ao 24 de outubro de 2020
Anos de traballo deron forma a esta afouta continuación de The Story of Film: Una odisea de Mark Cousins, que mostra con máis de mil secuencias como se fai unha película. Consta de 40 capítulos e formula diferentes cuestións: como se fai un bo plano de apertura?, como se encadra unha imaxe?, como se presenta unha personaxe?, como se roda o sexo, a danza ou a morte?, como se representan o traballo e o amor no cine? ou como funcionan os xéneros coma a comedia, o melodrama ou a ciencia ficción?
Estas cuestións resólvense empregando exclusivamente secuencias de películas dirixidas por mulleres, entre as que figuran as directoras máis coñecidas, mais tamén outras mulleres esquecidas de todas as épocas do cine e en todos os continentes. Women Make Film é unha revelación, unha celebración do oficio do cine e un j’accuse á historia do celuloide.
A maioría das películas están dirixidas por homes. A maioría dos chamados «clásicos do cine» dirixíronos homes. Mais no transcurso de trece décadas e ao ancho dos cinco continentes onde se fai cine, miles de mulleres tamén dirixiron películas. Algunhas das mellores.
Que películas fixeron? Que técnicas empregaron? Que podemos aprender do cine a través delas? A historia cinematográfica foi machista por omisión.
Women Make Film revisita o cine desde os ollos de directoras de todo o mundo. Unha nova viaxe a través do cine.
Non fala sobre a vida das cineastas. Non é unha historia cronolóxica. Non é unha análise das diferenzas entre directoras e directores de cine. Tampouco é unha desas listaxes de mellores películas da historia.
Non. Fala de liñas máis claras ca iso.
É unha película sobre as películas, sobre as escenas. Responde a preguntas prácticas: Como seducir desde o comezo cunha película? Como deixar claro o ton? Como facela crible? De que maneira orixinal se pode introducir un personaxe? Como facer que un trávelin sexa máxico?
Preguntas que te formulas cando fas películas e cando as ves.
E as escenas de soños, coreografías, o lugar de traballo ou a política? Como se gravan os corpos? Como mostrar o amor? E a tensión, a lembranza ou a morte? Facemos 40 preguntas coma estas. En 40 capítulos. 40 montaxes en estrada. 40 historias sobre a grandeza do cine que no CGAI-Filmoteca de Galicia veremos en sete sesións de dúas horas cada unha.
É unha especie de escola de cine onde só hai profesoras. Unha Academia de Venus. Inclúe moitísimos exemplos, centos de exemplos; unha montaxe de escenas de películas de todo o mundo e de moitas décadas.
Poida que as túas películas favoritas non aparezan, poida que as túas directoras favoritas non saian. A película non pretende ser exhaustiva. É máis, evitouse pór algunhas das máis famosas.
Mais hai sorpresas. Revelacións.
Adiante, anóxate, porque moitas destas grandes películas están infravaloradas.
Mais deléitate co medio cinematográfico e coas mulleres sobre cuxos ombros nos erguemos.
Mark Cousins / Avalon Distribución