Testamentos Fílmicos (e II)
Do 1 de maio de 2007 ao 31 de maio de 2007
En colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia.
A reedición por parte do Servizo de Publicacións do IVAC de Valencia do libro “La última mirada: testamentos fílmicos”, unha reelaboración e ampliación do orixinal publicado no ano 2000, suxestivo ensaio escrito polo escritor cinematográfico, director, guionista e catedrático de Comunicación Audiovisual e decano da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona Domènec Font, que recibiu no seu día o premio da Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC), permite a construción dun ciclo de obras íntimas e confesionais elaboradas por algúns dos máis recoñecidos cineastas que marcaron a Historia do cinema que ben poden funcionar como testamentos ou perfectas sínteses da súa obra. Unha aplicación dos modelos de cine de autor ás obras postremeiras dunha serie de cineastas que deixan sonatas espectrais (xente como Welles, Godard, Dreyer, Tarkovski, Huston, Ford, Kurosawa, Wilder, Visconti, Oliveira ou Bergman) de enorme beleza e rigor do que fixemos unha axustada selección. O ciclo remata o vindeiro mes coa proxección de La habitación verde (1975) de François Truffaut e Ese oscuro objeto del deseo (1977) de Luis Buñuel.
O libro será presentado polo propio autor o martes día 24 de abril no CGAI.
“O obxectivo dunha aproximación ao último filme dalgúns directores é o de testemuñar un xesto que nos permite entrar na mirada postremeira dun cineasta e nos misterios da obra de ficción testamenteira [...]. Situámonos ante ficcións nas que o autor non está nunca presente posto que desapareceu tras a fabricación e só se pode ofrecer por mediación dos seus personaxes ou encarnarse no corpo do filme. Pero hai nestes relatos fílmicos a mesma vibración existencial que nos autorretratos, idéntico sentimento desa “mort au travail” á que facía referencia Cocteau, e que acaba por outorgar ás súas obras correspondentes a condición de confesións íntimas.
[...] E é que á marxe das súas valoracións puntuais, as últimas obras de Dreyer, Welles, Ford, Huston, Bergman, Visconti, Buñuel ou Truffaut certifican unha trama vital e unha disposición comprometida fronte ao cine. Pois son ficcións xenerosas ou intelixentes nas que se enmarca tanto o itinerario dunha vida creadora como un proceso de compendio da súa obra antes de poñerlle o punto final. Recapitulación de ningún xeito pomposo sobre un conxunto de ideas que dan forma a introspeccións íntimas presentadas con humildade e sen auréola. En van se buscarán nestas películas-suma as claves dos resortes secretos da existencia, pois todos os directores invocados aquí son inimigos declarados das ideas xerais e dos grandes principios. Tampouco se dan nelas grandes reflexións filosóficas, e de habelas, como ocorre nas últimas obras de Welles, Bergman, Oliveira e, naturalmente, a serie en vídeo de Godard, achéganse ao formulario de Montaigne, isto é, ao ensaio poético entrecruzado con experiencias íntimas e propósitos lixeiros, o reencontro das ideas figurativas cos territorios familiares. En resumo, un conxunto de obras persoais protexidas contra a proba do tempo —algo díficil de soportar no cine— onde se ofrecen os trazos temáticos e estilísticos de cada un dos cineastas cunha sutileza e, nalgúns casos, cunha volta de rosca, decididamente extraordinarias.
[...] Nun fermoso texto sobre “Viaje al principio de mundo”, René Predal interrógase sobre a obra testamenteira e os seus atributos [...] e suxire dous supostos a miúdo imbricados entre si para recoñecela. Por un lado, a vontade de quen realiza o testamento; por outro, a consideración de quen o recibe. [...] Hai cineastas que non teñen a necesidade de vestir poeticamente unha retirada e que, non obstante, asumen a despedida como unha decisión moral. É o caso de Buñuel, por exemplo, consciente de cerrar o seu círculo (coa neglixencia e o enigma que sempre o caracterizaron).
[...] Antes de apelar á gravidade fúnebre, cousa nada infrecuente ao referirse aos filmes postremeiros, habería que recoñecer neles a expresión dun proceso fantasmático, espectral, que os sitúa nun lugar narrativo entre o pasado e o presente, o demasiado cerca e o demasiado lonxe. [...] En suma, un traxecto entre o soño e a vixilia, o real e o imaxinario; un tempo suspendido próximo á alucinación”.
Domènec Font, autor de “La última mirada: testamentos fílmicos”.
Agradecementos: Domènec Font, Jos Oliver, Alianza Francesa da Coruña, MK2 (Francia), Filmoteca Española.