Terra Brasil 95-05. O renacemento do cine brasileiro (e II)
Do 1 de maio de 2005 ao 31 de maio de 2005
En colaboración con: Festival Internacional de Cine de Las Palmas.
A recuperación do cine brasileiro a partires de 1994, tras a grave crise durante o período 1990-1993, co risco dunha “solución final” exterminadora do cine nacional, despois da clausura da axencia estatal de produción e distribución Embrafilme, é un fenómeno de gran interese e convértese en emblemático, sexa para o país, ou sexa para o panorama internacional. Trátase dun novo comezo, non simplemente dun ciclo, unha fase a metade de camiño entre as grandes expectativas e os novos sinais de crise, senón máis ben, segundo pensan moitos críticos, dun verdadeiro e auténtico renacemento, definido tamén na “Retomada”, á que corresponde un rexurdimento en termos de atención e recoñecemento a nivel mundial (participación en festivais internacionais e a recepción de premios). Sobre todo se se calcula que, entre 1994 e 2004, fixeron a súa primeira longametraxe cerca de 70 novos realizadores. (…) Desde 1993, despois da promulgación da nova lexislación de incentivos fiscais, “Lei do Audiovisual”, consolidouse progresivamente unha nova produción. En 1996 rodáronse e distribuíronse 40 longametraxes, cota que se mantivo máis ou menos constante en anos sucesivos.
A connotación máis importante da nova produción, moi consolidada a partires de 1996, é a súa variedade, ao mesmo tempo un feito e un valor, un cadro multicultural e unha diversidade que fan difícil a caracterización de perfís estilísticos e temáticos ben delineados. No momento actual, a ausencia de movementos estéticos capaces de impoñer un estilo dominante determina unha situación distinta ás precedentes, marcadas en cambio por tendencias hexemónicas (abonda pensar no “Cinema Novo” e o “Cine Marginal” dos anos 60 e 70): prevalece o autor, que é o factor decisivo para a calidade da produción, pero reina o pragmatismo.
Segundo o crítico Ismail Xavier, o cine nacional actual amosa a súa diferenza co pasado, pero non ten a preocupación de efectuar rupturas e, en certo sentido, privilexia a continuidade e retoma con claves novas os temas clásicos. Por conseguinte, hai unha reflexión menos ostensible e menos deconstrutiva da realizada nos anos 60 e 70 e, en cambio, hai unha maior atención á “experiencia” contemporánea. E, sobre todo, os directores está máis abertos á colaboración, non valorizan as cuestións de principios e non enfatizan a loita por un cine de autor contra á uniformidade do mercado. No cadro da liberdade de estilos, permitida polas medidas lexislativas de apoio, o realizador, por convicción persoal, dirixe o seu proxecto nun sentido ou noutro: a inserción do filme no circuíto do “cine de arte e ensaio” ou a tentativa de comunicarse co gran público.
Giovanni Ottone, na “Presentación” de Terra Brasil 95-05. El renacimiento del cine brasileño. T&B Editores, Festival Internacional de Cine de Las Palmas, CGAI, 2005.
O ciclo Terra Brasil recupera unha significativa representación do cine brasileiro dos últimos dez anos. Entre os meses de abril e maio proxectaranse no CGAI un total de 18 películas, a inmensa maioría delas inéditas comercialmente en España. Con este ciclo, así como co de Errol Morris, o CGAI prosegue a súa colaboración co Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria e a súa atención preferente ao documental contemporáneo e ás cinematografías en auxe. Con motivo deste ciclo editouse o libro “Terra Brasil 95-05. El renacimiento del cine brasileño”, coordinado, igual ca o ciclo, por Giovanni Ottone.
Agradecementos: Giovanni Ottone, Sony Pictures International, Grupo Cinema Novo, José Padilha, Selfmade Films, Cachoeira Filmes, Buriti Filmes, Cinema Brasil Digital, Luz Mágica, Copacabana Filmes.